2017
Novas

O BNG informa de que Lugo queda fóra das axudas de biomasa do 2017

Rubén Arroxo sinalou “non entendemos o pouco interese do goberno municipal en mellorar a xestión enerxética por sistemas máis ecolóxicos e máis económicos”

Lugo, 2 de agosto 2017. Se o BNG denunciaba publicamente o pasado luns que o concello de Lugo podía quedar por causas dunha nefasta xestión política sen unha subvención de 776.255,47 € adxudicada polo INEGA para un proxecto de rede de biomasa, no día de hoxe podemos ver na web do INEGA que o concello de Lugo non solicitou a que saíu no 2017. O portavoz do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, mostrouse bastante sorprendido ao ver o listado de beneficiarios desta axuda na que non aparece o concello lucense “non entendemos o pouco interese do goberno municipal en mellorar a xestión enerxética por sistemas máis ecolóxicos e máis económicos”. No listado que aparece na web do INEGA, publicado este 1 de agosto, pódese observar que se concederon 121 axudas a entidades locais galegas, e a ausencia de Lugo nese listado é para o BNG “unha nova oportunidade perdida de facer proxectos na cidade”

A convocatoria de axudas baixo o título de “subvencións para o ano 2017 a proxectos de biomasa para administracións locais e autonómica, entidades sen ánimo de lucro, empresas e autónomos” foi publicada no DOG do 22 de marzo do 2017 e existía un prazo ata o 24 de abril para solicitala, algo que para o BNG “é tempo máis que suficiente se se ten un proxecto do que se quere para Lugo”. Estas axudas cubrían ata un 80% da inversión, unha cantidade que o BNG considerou moi importante.

O concelleiro do BNG, Rubén Arroxo, pediu “un cambio de rumbo na xestión municipal” entendendo que a día de hoxe o goberno municipal segue sen un proxecto claro para Lugo malia levar xa máis de 2 anos de mandato. O BNG cre que proxectos coma o da biomasa, que son alternativas directas ao petróleo e que aforran cartos, deben ter maior consideración por parte do executivo local.

 

Axudas do 2016. Con respecto ás axudas outorgadas a Lugo o 22 de decembro do 2016, o BNG volve insistir en que dificilmente se podan ampliar os prazos, tal e como se xustificou o goberno municipal, lembrando que non hai ningún documento oficial no que apareza dita cuestión, polo que estas terían que estar xustificadas antes do 15 de outubro, algo que Rubén Arroxo volveu considerar de “moi complicado”, polo que pediu atención máxima deste asunto para evitar perder os preto de 800.000€.

 

Bases axudas: http://www.inega.gal/subvencions/subvencions/Energiasrenovables/2017/ficha_renovables2017_0003.html

Concedidas: http://www.inega.gal/sites/default/descargas/subvencions/SubvencionsPDF/Relacion_axudas_BiomasaFEDER2017.pdf

Ler novas
Novas

O BNG solicitará que no 2017 se estenda o limite a 30km/h á maior parte da cidade como unha “medida salvavidas”

“un atropelo a  30km/h ten un 10% de probabilidades de ser mortal, mentres que a 50km/h ten un 80% ” dixo Rubén Arroxo

IMG_4649

Lugo, 28 de decembro 2016. O BNG anunciou que neste 2017 que entra, vai reivindicar que o límite a 30km/h non sexa só para a Ronda da Muralla, senón que chegue á maior parte da cidade. O portavoz municipal, Rubén Arroxo, explicaba que estas son “medidas salvavidas”, dado que Lugo segue a ser unha cidade cun importante número de atropelos, segundo os últimos datos publicados pola DGT (os do 2014) houbo 38 atropelos na zona urbana, dos cales 12 foron hospitalizados, ademais os datos din que está a haber un incremento neste tipo de accidentes, polo que cómpre buscar solucións para rematar con esta situación. A maiores disto o concelleiro nacionalista explicaba que avenidas como a da Coruña, Ramón Ferreiro ou Fontiñas, nas que ten habido atropelos nos últimos anos, a maior parte dos vehículos xa circulan a esa velocidade, polo que non provocaría modificacións no tráfico pero si conseguiría frear a aqueles vehículos que vaian máis rápido. Tamén aclarou o voceiro nacionalista que “non ten sentido que a Ronda da Muralla estea limitada a 30km/h pero que te poidas meter en rúas residencias a 50km/h, de aí a necesidade de ampliar a medida de forma máis global”

 

Dende o BNG amosaron os datos dos estudos feitos pola propia DGT, nos que se di que “un atropelo a 30km/h ten un 10% de probabilidades de ser mortal, mentres que a 50km/h ten un 80%, de aí que consideremos que é unha medida básica para garantir a seguridade, e máis vendo como as experiencias en moitos países europeos, coma en Holanda, Suíza ou Dinamarca, ou na veciña cidade de Pontevedra están a ser moi positivas neste aspecto” dixo Rubén Arroxo. Tamén lembraron dende o grupo nacionalista que non só a DGT anima ás cidades a reducir o seu límite a 30km/h, senón que tamén a OMS apostaba por isto nun informe que elaborou no 2011 advertindo que se reduciría 8 veces a posibilidade de morte por atropelo.

 

Ler novas