atención
Novas
pazodefeiras1

O BNG pide máis atención para o parque do Pazo de Feiras

Lugo, 19 de xullo 2017. O parque situado xunto ao Pazo de Feiras e Congresos, e que o mantemento está a ser levado polo Concello de Lugo, está a ser cuestionado por moitas veciñas e veciños polos síntomas de abandono que amosa. Nestas datas de verán son moitas as persoas que se achegan a este parque e que lamentan o seu estado “chegan queixas sobre a acumulación de lixo, pero sobre todo a xente critica que a día de hoxe non se repararan aínda elementos danados de grandes dimensións como as pérgolas sobres as mesas” afirmou Rubén Arroxo, lembrando que algunha desas pérgolas leva tempo totalmente inclinada e en calquera momento podería incluso causar algún accidente. Outra das cuestións que os paseantes na zona consideran que se deberían facer é a limpeza dos bancos “algúns bancos levan con verdín anos, e sería tan simple como un lavado con auga a presión” dixo o concelleiro nacionalista.

 

Tamén nesta zona o BNG recibiu queixas de persoas usuarias do parque infantil, dado que moitos domingos pola mañá aparecen restos de botellón no lugar de ocio das nenas e nenos, sen que se lle faga nada ao respecto.

 

O BNG lamenta o pouco interese que hai en Lugo por coidar os espazos do entorno fluvial “temos o luxo de vivir nunha cidade rodeada dunhas zonas verdes envexables, pero non somos quen de mantelas nun estado digno, polo que algo falla”. Nesta liña dende a organización nacionalista tamén quixeron lembrar que outro dos espazos moi utilizados, o sendeiro que une os parques do Miño e do Rato, está a piques de pecharse pola maleza.

Ler novas