O BNG REIVINDICA UN SERVIZO FERROVIARIO GALEGO DIGNO

O BNG REIVINDICA UN SERVIZO FERROVIARIO GALEGO DIGNO

Os nacionalistas leverán un moción ao pleno do concello de Lugo para reclamar que se paralice o desmantelamento de servizos ferroviarios no noso país

Esther López alerta de que as actuacións do goberno central "van encamiñadas á privatización do ferrocarril"

Lugo, a 17 de xuño de 2013. O Bloque Nacionalista Galego materializou unha concentración simbólica na Estación do Ferrocarril de Lugo baixo o lema Que non nos rouben o tren - Soberanía para a Galiza . A este acto acudiron simpatizantes, militantes, e cargos orgánicos e institucionais do BNG entre os que se atopaban o voceiro do BNG no concello de Lugo, Antón Bao, o parlamentario, Cosme Pombo, a edil no concello de Lugo, Paz Abraira, a responsabel comarcal do BNG, Esther López e o responsábel local, Alexandre Penas.

Os nacionalistas denunciaron as consecuencias negativas que ten para a comarca de Lugo a aplicación de recortes de Renfe e defenderon a posta en marcha dun servizo de proximidade "que permita a comunicación interna do noso país". "Desde o Bloque Nacionalista Galego levamos anos reivindicando un servizo ferroviario de cercanías", salientou Cosme Pombo. O parlamentario do BNG criticou que nin desde o goberno central nin desde a Xunta "se dan pasos nesa dirección pese a que hai un convenio asinado", senón que o Ministerio de Fomento elimina liñas e paradas en media distancia, que segundo apuntou Pombo, "actuaba como tren de proximidade". Cosme Pombo engadiu que "non é de recibo que no eixo Guitiriz - Lugo - Sarria - Monforte, que comunica os núcleos con máis poboación da zona interior, se esten a reducir frecuencias, a maiores das paradas que xa se teñen reducido nos últimos anos nesta liña que vertebra o interior da comarca de Lugo".

Cosme Pombo referiuse ao desmantelamento dos servizos ferroviarios e ao "intento dos deputados do PP por Lugo de enganar á cidadanía anunciando as bondades dos trens a Madrid mentres nos deixan sen conexións interiores". O ministerio de Fomento disfraza o desmantelamento do ferrocarril galego "con esa gran novidade que é o incremento de trens a Madrid". Cosme Pombo dixo que Galiza era un dos poucos lugares que non contan, neste momento, cun sistema de trens de cercanías e que "resulta incríbel que, a día de hoxe, a cidade de Lugo non esté conectada con Santiago que é ºa capital de Galiza".

Beneficio social

Cosme Pombo lembrou as declaracións de Ana Pastor nas que aseguraba que 'é obxectivo do Ministerio de Fomento optimizar o ferrocarril e poñelo en condicións para a súa liberalización'. "Isto significa que as súas actuacións están encamiñadas a privatizar o servizo ferroviario", alertou.

Diante desta situación, o parlamentario do BNG subliñou que o transporte público non ten que basearse no "criterio económico anual", senón en función do "servizo á cidadanía" e a calidade dese servizo. "Este goberno, coa súa obsesión privatizadora fai o balance en función do beneficio económico e non no beneficio social", indicou.

Moción no concello de Lugo

Nesta liña, a edil Paz Abraira anunciou que o BNG presentará unha moción, para ser tratada no vindeiro pleno do concello de Lugo, reclamanado do Goberno do Estado que desista do proceso de desmantelamento e privatización de servizos ferroviarios no noso país. Segundo Abraira "o ferrocarril é un servizo público básico, sustentábel economicamente, que constitúe un elemento de cohesión e vertebración social, ademais de ser un factor de dinamización e equilibrio demográfico".  Paz Abraira explicou que "as consecuencias desa política ferroviaria do Estado van ser moi graves para Galiza e tamén para Lugo, un dos territorios xa historicamente con menos servizos ferroviarios. A liña A Coruña-Lugo-Monforte quedará con servizos de longa distancia a Madrid e Barcelona, mais coa posibilidade de perder un dos dous de media distancia que ten."

O BNG REIVINDICA UN SERVIZO FERROVIARIO GALEGO DIGNO