Ermida afirma que o PP pretende converter ao Hospital da Costa nunha sucursal do de Lugo

Ermida afirma que o PP pretende converter ao Hospital da Costa nunha sucursal do de Lugo

Os nacionalistas denuncian que Feijoo cruzou todas as liñas vermellas en materia sanitaria

O BNG lamenta que o PP situara ao Hospital da Costa á cabeza de Galiza en listas de espera

Burela, 15 de outubro de 2012. Unha delegación do Bloque Nacionalista Galego, encabezada pola candidata número 3 por Lugo, mantivo na xornada de hoxe unha reunión con representantes da Xunta de Persoal do Hospital da Costa onde analizaron a evolución da asistencia sanitaria neste centro así como no conxunto da área da Mariña ao mesmo tempo que aproveitaron o encontro para explicar as propostas dos nacionalistas nesta materia.

Ana Ermida expresou “ a preocupación pola evolución da atención sanitaria na área da Mariña nestes catro últimos anos, dos que son exemplos ben clarificadores os diversos intentos de desmantelamento do Hospital para convertelo  nunha sucursal do de Lugo e a paralización do “Plano Mellora” dirixido a atención primaria e que representou unha importante redución da carteira de servizos nos mesmos. O retroceso vivido pola atención hospitalaria na costa nestes catro últimos anos non ten comparación con ningún outro período, até o punto de que foron quen de facer del, o primeiro en canto a listas de agardas de todos os hospitais do SERGAS. É máis, un partido, neste caso o PP, que chegou ao Goberno afirmando que ía proceder a ampliación do Hospital da Costa, non só adopta como primeira decisión a anulación do seu Plano Director, senón que limita esta ampliación a colocación no recinto do centro, dunhas casetas de obra onde pasar consultas. Esta é a ampliación do Hospital do PP

A candidata nacionalista indicou que “o Partido Popular cruzou todas as liñas vermellas en materia sanitaria, inda máis aló do que ninguén nunca se puido imaxinar. Comezou, e segue, tentando suprimir a Area Sanitaria da Costa, decisión que foi paralizada primeiro pola masiva mobilización social da comarca e despois por razóns electorais, o que fai críbel pensar que no caso de non ser derrotado o PP nas autonómicas procederan a facelo efectivo. Continuaron establecendo o repago sanitario, tanto pola vía de fixar unha taxa fixa para os pensionistas, curiosamente aquel sector que acolle as persoas cun dos niveis de renda máis baixos, como pola vía de excluír da gratuidade do catalogo de medicamentos  algúns de uso máis común. E a esta axenda é a que pretenden darlle continuidade, isto é unha axenda que non ten outra orientación que facer da sanidade un negocio, xogando neste caso coa desgraza daqueles que peor o están pasando”.

Ermida afirma que o PP pretende converter ao Hospital da Costa nunha sucursal do de Lugo