A asemblea local do BNG avaliou as accións de goberno no Concello de Lugo

Asemblea Local BNG
Asemblea local de Lugo

Rubén Arroxo destacou “a renovación das liñas de bus, unha das accións que máis tempo levaron ao goberno municipal para garantir o mellor servizo para a veciñanza”

O BNG iniciará unha campaña nas rúas para reclamar unha tarifa eléctrica galega

A asemblea local do BNG avaliou as accións de goberno no Concello de Lugo

Lugo, 16 de setembro de 2021. A asemblea local do BNG reuniuse de xeito telemático para analizar as accións executadas polo grupo nacionalista na Tenencia de Alcaldía do goberno municipal. As cinco concelleiras e concelleiros do BNG que forman parte do goberno explicaron os pasos dados e sinalaron os obxectivos marcados para as diferentes áreas nas que ostentan responsabilidades.

A asemblea destacou o traballo realizado polo Tenente Alcalde e portavoz do BNG no Concello, Rubén Arroxo, coa renovación das liñas de transporte público da cidade. Rubén Arroxo explicou na asemblea que “foi unha das accións realizadas que requeriron maior planificación, nun proceso no que se tiveron en conta centos de peticións da veciñanza achegadas por distintas vías”.

Co novo modelo de transporte público, 80.000 veciñas e veciños de Lugo contan con conexión directa co HULA, o dobre que os 40.000 do modelo anterior. O CEAO aumenta as conexións coa veciñanza do mesmo xeito, pasando de 40.000 persoas que tiñan bus para a zona industrial co antigo modelo a 70.000 co actual. Mellóranse tamén as conexións do eixo norte-sur, con maior frecuencia de buses e as conexións dos distintos barrios co centro e co HULA.

Tarifa eléctrica

A asemblea local do BNG acordou iniciar unha nova campaña para reclamar unha tarifa eléctrica galega ante as contínuas subas no prezo da luz acontecidas nas últimas semanas. O BNG propuxo no Parlamento medidas para abaratar o prezo da luz e conseguir que Galiza se beneficie da riqueza eléctrica do País. Medidas vetadas polo resto de grupos da cámara galega que sumaron votos contra unha tarifa eléctrica galega máis barata como compensación polos custes de ser zona produtora, unha práctica habitual en países como Alemaña, Reino Unido, Suíza, Noruega entre outros.

A asemblea local do BNG avaliou as accións de goberno no Concello de Lugo