O BNG solicita que se faga un paso seguro para peóns mentres se executa a eliminación do tapón de Garabolos

garabolos
garabolos
O BNG solicita que se faga un paso seguro para peóns mentres se executa a eliminación do tapón de Garabolos

Lugo, 23 de agosto de 2018. O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, volveu poñer o foco no tapón urbanístico situado na avenida da Coruña á altura de Garabolos, dado que dende que se iniciaron as obras o paso para peóns permanece totalmente pechado, quedando nunha situación peor aínda da que estaba “sería xustificable deixar cortado o paso da beirarrúa se a obra se rematase en 3 ou 4 días, pero van xa 3 semanas e agora leva 14 días parada” afirmou o voceiro nacionalista advertindo ademais que o goberno municipal se comprometera coa veciñanza da zona a deixar un paso temporal seguro para peóns mentres se executaba dita obra, cuestión que non se está a cumprir. Ademais dende o BNG vén con sorpresa que o que está feito da obra vai ter que ser demolido e volto a executar por “unha chapuza” algo que dende logo amosa o pouco interese que tivo en todo momento o goberno municipal con este proxecto. “Agora mesmo a obra atópase paralizada por unha chapuza, polo que non se pode deixar durante meses o paso cortado á veciñanza” explicou Arroxo.

 

Dende o BNG afirmaron que nesta semana recibiron queixas de veciñanza da zona, dado que dende o 10 de agosto non se ven operarios traballando na obra “este problema tivo unha importante reivindicación veciñal, polo que semella que a alcaldesa quixo sacar a foto para evitar posibles novas mobilizacións, pero a realidade é que poucas semanas despois podemos ver que a execución está a ser un despropósito” dixo o concelleiro nacionalista. O propio grupo municipal cre que é perfectamente viable facer un paso seguro en paralelo á obra para a mobilidade peonil, tal e como se fai noutras moitas obras, dado ademais que nese punto a avenida ten 3 carrís polo que sería perfectamente viable deixala con 2 de forma temporal e garantir así os mínimos de seguridade para as persoas. 

 

Rubén Arroxo sinalou que “entendemos que houbo que facer diferentes trámites, mais o compromiso da alcaldesa foi de que a barreira urbanística se eliminaría a finais do ano 2017, estamos rematando o mes de agosto do 2018 e visto o visto semella que aínda pode ir para longo.” O muro da av. da Coruña leva anos causando molestias a todas as persoas que transitan pola estreita beirarrúa pola existencia deste tapón. Para o BNG “é unha mostra máis da falta de interese real dos gobernos do PSOE para atender as necesidades das veciñas e veciños”.

 

O BNG solicita que se faga un paso seguro para peóns mentres se executa a eliminación do tapón de Garabolos