Carme Aira: “Sarria precisa dun colexio deste século que deixe atrás as instalacións deficitarias actuais”

Carme Aira 1
Carme Aira, deputada no Parlamento Galego por Lugo

O BNG preguntará ao goberno galego polas alternativas ofertadas ás estudantes do CEIP Frei  Luís de Granada

A deputada do BNG defende que “as obras previstas pola Consellaría non servirán para resolver os problemas estruturais do centro”

Carme Aira: “Sarria precisa dun colexio deste século que deixe atrás as instalacións deficitarias actuais”

Sarria, 06 de outubro de 2020. A deputada do BNG no Parlamento Galego, Carme Aira, preguntará ao goberno no vindeiro pleno acerca das alternativas ofertadas ás estudantes do CEIP Frei Luís de Granada de Sarria. Segundo declarou Carme Aira, “as obras previstas pola Consellaría de Educación non servirán para resolver os problemas estruturais do centro, e a Escola Fogar, que se utilizou como ubicación alternativa a comezos de ano non posúe as condicións requiridas para ser un centro educativo, aínda menos se contamos coas restricións derivadas da crise sanitaria”.

Carme Aira lembrou que “as deficiencias estruturais deste centro non son novas, pos xa no 2011 se realizou unha intervención na infraestrutura que ía solucionar este problema” e engadiu que “esta intervención non foi suficiente xa que a comezos de 2020 vimos como se tivo que proceder ao apuntalamento de patios, corredores e aulas para paliar as deformacións que estaba a sufrir o centro”.

Foi durante este curso, antes do inicio da crise sanitaria, cando a Xunta de Galiza decidiu dividir ao estudantado entre a Escola Fogar e o Xograr, decisión que continúa vixente para o novo curso escolar. “Sarria precisa dun novo centro educativo adaptado ao século XXI, un novo centro que solucione as deficiencias estruturais do actual colexio e que garanta o acceso da veciñanza de Sarria a unha educación pública e de calidade”, sentenciou Carme Aira.

Carme Aira: “Sarria precisa dun colexio deste século que deixe atrás as instalacións deficitarias actuais”