MAITE FERREIRO: "O MÁIS IMPORTANTE DESTA EDICIÓN DAS FESTAS É GARANTIR A SEGURIDADE DA VECIÑANZA"

A Comisión de Festas volverá xuntarse para decidir sobre a colocación do recinto feiral

"Agardamos que os grupos da oposición mostren o mesmo compromiso coa seguridade da veciñanza que mostraron no San Froilán do ano pasado", explicou Maite Ferreiro

 

A Comisión de Festas volverá xuntarse para decidir sobre a colocación do recinto feiral

Lugo, 09 de setembro de 2021. A edil de Cultura, Maite Ferreiro, anunciou que o recinto feiral desta edición do San Froilán se decidirá na vindeira comisión de festas, que se convocará durante setembro. 

Ferreiro explicou que "dado o protocolo establecido pola Xunta de Galiza desde o Goberno de Lugo entendemos que a colocación do recinto feiral faría moi complicado cumplir a separación interpersoal"

A concelleira de Cultura explicou que "non podemos estar pedindo á veciñanza que controle os contactos e instalar o recinto feiral, que sempre trouxo grandes masificacións", e engadiu "o máis importante de cara ao San Froilán 2021 é garantir a seguridade de todas as persoas asistentes ás distintas actividades".

Maite Ferreiro pediu aos grupos da oposición "que mostren a mesma responsabilidade coa seguridade da veciñanza de Lugo, como mostraron durante a organización do San Froilán do ano pasado ", e afirmou que "agardamos que na vindeira xuntanza da comisión de festas contemos coa presencia de todos os grupos políticos".

 

Protocolo da Xunta de Galiza sobre atraccións
Enlace: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/excepcional/2021/20210625/2682/AnuncioC3K1-250621-6_gl.html

 

3.29. Atraccións de feira.

Nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II da presente orde manterase o peche das atraccións de feira.

No caso dos concellos enumerados nas letras C e D do anexo II da presente orde, poderán desenvolver a súa actividade cumprindo coas seguintes medidas:

a) Nos espazos en que se instalen atraccións de feira respectaranse a distancia de seguridade interpersoal e as medidas hixiénicas exixibles a cada instalación ou actividade. Para tal efecto, nos espazos comúns de tránsito respectarase a ratio dunha persoa por cada tres metros cadrados de superficie útil, descontando a superficie ocupada polas estruturas instaladas.

b) Deberase sinalizar o espazo en que se desenvolvan as atraccións de tal maneira que se facilite o establecemento de puntos diferenciados para a entrada e saída, que deberán estar identificados con claridade.

c) A autoridade sanitaria local verificará o respecto da capacidade nos espazos comúns e adoptará as medidas necesarias para evitar aglomeracións.

d) Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal nas atraccións e postos instalados.

e) Tanto os asistentes como o persoal das atraccións deberán levar máscara de maneira obrigatoria e lembraráselles aos asistentes, por medio de carteis visibles e mensaxes de megafonía, a dita obrigatoriedade, así como as normas de hixiene e prevención que deben observar.

f) No caso das atraccións en que, polas súas características e configuración, quede garantido en todo momento o mantemento da distancia de seguridade interpersoal entre as persoas usuarias, poderán ocuparse todas as prazas dispoñibles.

En caso contrario, naquelas atraccións que dispoñan de asentos, poderá ocuparse ata un máximo que permita manter a distancia de seguridade interpersoal entre os ocupantes e reducirase ao cincuenta por cento o número de asentos de cada fila que se poidan ocupar, en caso de que esta distancia non se poida asegurar. Esta limitación non será de aplicación no caso de persoas conviventes. No caso de atraccións que non teñan asentos incorporados, a súa capacidade máxima será do trinta por cento da capacidade máxima da atracción.

g) Disporanse dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados en cada unha das atraccións.

h) Cada atracción deberá aplicar as medidas de limpeza e desinfección adecuadas ao tipo de actividade, á frecuencia e ás condicións de uso polas persoas usuarias, prestando especial atención ás superficies de contacto directo. En todo caso, cada atracción someterase a unha limpeza ao remate de cada xornada de uso.

i) Non se permitirán as piscinas de bólas, por mor da dificultade da súa limpeza, e poderá dedicarse o espazo correspondente a outra actividade lúdica para o público infantil. Respecto das atraccións inchables, estarán permitidas ata un 50 % da súa capacidade.

 

A Comisión de Festas volverá xuntarse para decidir sobre a colocación do recinto feiral