Infraestruturas renova o asfalto dos viais de Castelo de Abaixo

Alexandre Penas e Rubén Arroxo

Alexandre Penas: “renovamos un vial que se atopaba en mal estado, mellorando a calidade de vida da veciñanza, e atendendo ás peticións”

Renóvase tamén a sinalización vertical da zona, mellorando as indicacións dos sinais

Infraestruturas renova o asfalto dos viais de Castelo de Abaixo

Lugo, 11 de abril de 2021. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, informou dos traballos realizados nos últimos días nos viais de Castelo de Abaixo, onde se mellorou o asfalto das vías que comunican coa LU-530. “Atendemos a unha petición da veciñanza da zona, renovando un vial que se atopaba nun avanzado estado de desgaste, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños”, explicou Alexandre Penas.

 

A solución adoptada pola concellería de Infraestruturas Urbanas consiste na aplicación dunha capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, o que asegurará que a intervención sexa duradeira. A sinalización vertical modificarase, para mellorar as indicacións con respecto á sinalización antiga. Retirouse o sinal de dirección existente ao final do trazado, que indica “Castelo de Abaixo / O Campo” mudándoo por un sinal que apunte cara á dereita, coa indicación “Castelo de Abaixo”, e outro sinal que apunte cara á esquerda, coa indicación “O Campo”. Na intersección coa LU-530, desprazouse o sinal cara ao interior do vial, mellorando a visibilidade do cruce.

 

Desde a concellería de Infraestruturas investíronse 29.007,33€ na realización desta intervención, que “se unen aos múltiples traballos realizados nos últimos meses en Castelo, mellorando múltiples viais moi utilizados tanto pola veciñanza da zona, ademais dos accesos ao HULA e o trazado do Camiño Primitivo na súa entrada a Lugo”, segundo afirmou Alexandre Penas.

 

Infraestruturas renova o asfalto dos viais de Castelo de Abaixo