Rubén Arroxo: “as novas liñas entrarán en funcionamento en aproximadamente 7 semanas”

A Xunta de Goberno aprobará mañá o novo contrato, incluíndo o SAE que permitirá facer seguimento en tempo real

A área de Mobilidade instalará unha serie de pantallas informativas en diversas paradas, que informarán do paso dos buses en tempo real

Rubén Arroxo: “as novas liñas entrarán en funcionamento en aproximadamente 7 semanas”

Lugo, 09 de marzo de 2021. O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, avanzou que mañá a Xunta de Goberno aprobará a modificación do contrato de transporte público, no que se enmarcan as novas liñas e a posta en marcha de diversos servizos. Rubén Arroxo explicou que “esta aprobación permitiranos avanzar no proceso de implantación de novas liñas, que contamos que esté completado nas vindeiras 7 semanas”.

Con esta aprobación dará comezo tamén o proceso de implantación do SAE, sistema que facilitará a xeolocalización dos buses e o seguimento en tempo real a través da rede. “Ademais, a instalación do SAE permitirá poñer en funcionamento unha serie de pantallas informativas en diversas paradas para que a veciñanza poida saber o tempo que falta ata a chegada do seguinte bus”, explicou o edil nacionalista”.

Arroxo lembrou que “o novo proxecto de mobilidade está composto por catro grandes liñas que conectarán as zonas norte e sur de Lugo, e dúas máis que conectarán o leste co oeste da cidade”, e destacou as conexións das distintas zonas, como o eixo Norte-Sur da cidade, que inclúe a Avenida da Coruña, a Ronda da Muralla, a avenida Ramón Ferreiro e a Avenida de Madrid, onde se atopa a maior parte da poboación, terán un bus cunha frecuencia de 10 minutos.

O HULA gañará conexións con Fontiñas, a zona sur da cidade e a avenida das Américas, que co modelo actual non teñen transporte directo. As novas liñas permitirán conectar de xeito directo o hospital coas zonas de Fingoi, Magoi, Sagrado Corazón, as Gándaras, Avenida das Américas, Fontiñas, Fonte dos Ranchos, a Abella e Garabolos, mellorando tamén as frecuencias coa zona centro. “Contaremos con 6 liñas que partirán de distintas zonas da cidade e rematarán no HULA, permitindo que a maior parte da veciñanza teña transporte directo ao hospital”, segundo explicou Rubén Arroxo.

Os distintos barrios melloran as frecuencias de conexión co centro da cidade, pasando da hora entre cada volta que hai actualmente a 30 minutos cando entren en funcionamento as novas liñas.

Nos polígonos do CEAO e das Gándaras mellorarase tamén as conexións, quedando ambas áreas industriais co barrio de Fontiñas e o sur da cidade, cun total de seis liñas que entre os seus percorridos inclúen a unha das zonas industriais e dúas que pasan por ambas, unindo as áreas industriais de xeito directo con zonas como Fingoi, o Campus Universitario, Fontiñas, Magoi, Avenida das Américas e coa zona centro, pasando moitas destas liñas pola Ronda da Muralla. Ao mesmo tempo, a zona rural manterá o servizo contando con catro liñas de transporte público.

O Tenente de Alcalde avanzou tamén que “nos vindeiros días iniciaremos unha campaña informativa sobre os cambios que se van realizar nas liñas, para permitir que toda a veciñanza poida coñecer o funcionamento da nova mobilidade de Lugo”.

Rubén Arroxo: “as novas liñas entrarán en funcionamento en aproximadamente 7 semanas”