O BNG de Castroverde propón a municipalización do SAF ante a situación da empresa concesionaria

Iria Castro, voceira municipal do BNG en Castroverde

 A voceira do BNG, Iria Castro, criticou que o goberno non entregara a información sobre a contratación do servizo que foi solicitada no mes de xullo

“Solicitaremos ao goberno municipal que cese das súas funcións á concelleira de Servizos Sociais ante a actitude mostrada co resto de grupos da corporación”, declarou Iria Castro

O BNG de Castroverde propón a municipalización do SAF ante a situación da empresa concesionaria

Castroverde, 24 de setembro de 2020. A portavoz do BNG en Castroverde, Iria Castro, vén de presentar, para este pleno municipal, unha iniciativa para solicitar a municipalización do Servizo de Axuda no Fogar ante a situación na que se atopa a empresa concesionaria do servizo. “No mes de xullo tivemos información dun suposto caso de explotación laboral na empresa, ante a que solicitamos do goberno municipal se esta situación se puido dar entre as traballadoras que están a prestar servizos para o Concello”, declarou Iria Castro, que engadiu “case tres meses despois, o goberno municipal non fixo ningún tipo de traballo para esclarecer se o servizo se está a prestar de maneira correcta ou non”.

O BNG solicitará no vindeiro pleno que estude todas as vías posíbeis para proceder á municipalización do servizo. Segundo Iria Castro, “xa que o contrato leva un ano caducado, e o goberno municipal ten que estar traballando no novo prego, consideramos que é o mellor momento para dar un paso adiante e garantir a xestión pública dos servizos públicos, garantindo ao mesmo tempo a calidade do servizo que se oferta á veciñanza e as condicións de traballo das traballadoras”.

Iria Castro criticou tamén a posición tomada pola concelleira de Servizos Sociais ao respecto deste asunto. Desde os grupos da oposición solicitouse, unha vez se tivo coñecemento desta situación na empresa concesionaria do SAF, unha xuntanza coa concelleira para tratar de, co consenso de toda a corporación, levar adiante as medidas necesarias para garantir a prestación do servizo. “A única resposta que recibimos ante unha situación tan importante como este foi o silencio, polo que desde o BNG non podemos facer máis que pedir que esta concelleira sexa relevada das súas funcións”, concluíu Iria Castro.

O BNG de Castroverde propón a municipalización do SAF ante a situación da empresa concesionaria