denuncia
Novas

O BNG denuncia que o concello pode perder case 800.000€ dunha subvención para unha rede de biomasa

Lugo, 31 de xullo 2017. O BNG denuncia publicamente que por causas dunha nefasta xestión política o concello pode perder 776.255,47 € dunha subvención adxudicada polo INEGA, baixo o procedemento de “proxectos de redes de distribución de enerxía térmica con equipos de xeración con biomasa”, que foi publicada no DOG o pasado 22 de decembro do 2016. O Concello de Lugo, que solicitou esta subvención para levar a cabo nas instalacións deportivas do Parque da Milagrosa, e que permitirían un aforro importante a nivel económico na xeración de calor para quentar a auga das piscinas e das instalacións colindantes, pode estar a un paso de perdela. Rubén Arroxo informou que na situación actual é case imposible que se poida levar a cabo, dado que o 30 de setembro tería que estar xustificada a compra das caldeiras e o 15 de outubro a instalación da rede, e a día de hoxe nin tan se queira se sacaron a licitación, tendo en conta os prazos que un procedemento de licitación aberta coma este leva consigo. O concelleiro nacionalista afirmou que “se finalmente non se consegue executar, sería dunha xestión política nefasta, posto que o Concello de Lugo non só perdería unha subvención desta cuantía, senón que ademais seguiría a ter uns gastos nas instalacións deportivas que se poderían minimizar”.

O BNG considera que se o goberno municipal non é quen de solucionar isto, atopariámonos nunha das actuacións máis desastrosas do executivo local. Rubén Arroxo chamou ao concello local a “poñerse as pilas no asunto de forma urxente” para evitar que Lugo perda eses case 800.000 €  “isto é sinónimo de que o concello funciona a salto de mata, non só non hai proxecto de concello, senón que ata se desfai o que che dan na práctica feito”

 

Expediente de crédito. Unha das causas do retraso é a aprobación de crédito para poder levar adiante este proxecto. No pleno de xuño aprobáronse 258.752€ para a parte que lle corresponde ao concello, mais o goberno municipal xa debería ser consciente de que habería un período de alegacións, as cales foron presentadas, polo que poden retrasar a aprobación definitiva ao pleno ordinario do 28 de setembro, a non ser que se convoque un pleno extraordinario, situación esta que imposibilitaría de facto toda posibilidade de execución. O portavoz do BNG entende que ante unha situación coma esta, e tendo en conta que o goberno municipal era coñecedor dende o 22 de decembro da aprobación de dita subvención, podería ter levado un expediente de crédito ao pleno nos primeiros meses de ano para sacar este proxecto adiante con garantías. O portavoz do BNG afirmou “é unha neglixencia política que non se intenten iniciar as negociacións dos orzamentos ata maio, e non resolvan isto con tempo necesario”

Ler novas
Novas

O BNG denuncia a falta de información sobre os almorzos dos colexios

Lugo, 6 de setembro de 2016. A concelleira do BNG, Maite Ferreiro, denuncia a falta de información que están a ter os pais e as nais a respecto do servizo de almorzos dos colexios “A falta de 4 días para o inicio das clases as familias non saben se van ter nos seus centros este servizo, isto está a causar importantes problemas para organizar a conciliación familiar”. Dende o grupo nacionalista consideran que esta situación está a provocar que nais e pais estean na busca de alternativas, dado que temen chegar ao inicio do curso sen posibilidade de atopar solucións no caso de que ao final non exista este servizo. O propio grupo do BNG explicou que nestes días recibiron avisos de pais e nais preocupados pola situación “dado que cando chaman non lles son capaces de confirmar nada”.

Para o BNG este é un novo caso de mala xestión por parte do goberno municipal que se suma ao caso dos propios comedores, “onde ao final quen está a pagar son as familias”. Maite Ferreiro lembrou que a Xunta está a incumprir con Lugo nesta materia, xa que debera ser quen se responsabilizase desta cuestión, mais que en todo caso o concello ten que poñer as debidas xestións en funcionamento para evitar que os nenos e nenas de Lugo queden sen este servizo.

Ler novas