O BNG e Galiza Nova piden para o 2023 un tren digno para Lugo

Arroxo: “o goberno do Estado perdeu a oportunidade nos últimos orzamentos de superar un déficit histórico con Lugo”

O BNG, a través da campaña Lugo Quere Tren, reclama a mellora das conexións ferroviarias con Lugo

O BNG e Galiza Nova piden para o 2023 un tren digno para Lugo

Lugo, 23 de decembro de 2022. O BNG e Galiza Nova desenvolveron unha acción reivindicativa dentro da campaña Lugo Quere Tren, reclamando uns mellores servizos ferroviarios para o 2023. O portavoz do BNG, Rubén Arroxo, afirmou que “desde o BNG seguiremos traballando para que Lugo conte cun tren digno, con conexións que sexan útiles para a veciñanza”, e criticou que “o goberno do Estado non aceptase as emendas do BNG aos Orzamentos do 2023, que buscaban poñer fin ao déficit histórico ao que se está a someter a Lugo en materia de infraestruturas, equipamentos e servizos, especialmente no transporte ferroviario”.

O responsábel comarcal de Galiza Nova en Lugo, Alexandre Espiño, criticou “a perda de conexións que se eliminaron co comezo pandemia e que aínda non se recuperaron”. Segundo Alexandre Espiño, “o tren debería ser unha alternativa de transporte para a mocidade, un medio de transporte eficiente, rápido e asequible para desprazarse entre a principais cidades e vilas de Galiza”.

Entre as reclamacións da campaña Lugo Quere Tren, figuran a modernización da vía Lugo – Coruña, a conexión con Compostela e a recuperación dos servizos eliminados nos últimos anos, “o que permitiría dar un paso adiante na conexión de Lugo co resto de Galiza”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “Lugo é a única cidade de Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes creando unha traxecto directo desde Lugo a Compostela”.

O BNG e Galiza Nova piden para o 2023 un tren digno para Lugo