MAITE FERREIRO: "TRÁTASE DUN DOS FESTIVAIS DE MÚSICA MÁIS ANTIGOS DO ESTADO, UNHA CITA XA CONSOLIDADA QUE ACHEGA O MELLOR DA MÚSICA ANTIGA Á NOSA CIDADE, ENRIQUECENDO A PROGRAMACIÓN CULTURAL"
Maite Ferreiro presenta a 51 edición do Festival de Música Cidade de Lugo
Maite Ferreiro: "Trátase dun dos festivais de música máis antigos do estado, unha cita xa consolidada que achega o mellor da música antiga á nosa cidade, enriquecendo a programación cultural"
Os concertos serán de entrada gratuíta, e terán lugar no Círculo das Artes e na Capela de Santa María o 18 de maio e o 1 de xuño
Lugo, 02 de maio de 2024. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro,presentou xunto con José Luís Díaz, representante da Sociedade Filarmónica de Lugo, a 51 edición da Semana de Música do Corpus, que este ano terá lugar entre o 18 de maio e o 1 de xuño. A edil de Cultura destacou "a paixón pola música que demostran ano tras ano as veciñas e veciñas de Lugo". Ferreiro explicou que "este ano contaremos con 8 concertos, que incluirán a artistas e propostas musicais de gran calidade artística e prestixio internacional".
"Desde a área de Cultura do Concello de Lugo mantemos o noso compromiso con todas as manifestacións artísticas, apoiando ao tecido cultural local e favorecendo que a veciñanza de Lugo poida desfrutar de propostas que sen este tipo de iniciativas non sería posible ver en Lugo", explicou Maite Ferreiro, que engadiu "este ano, contaremos cunha actividade de música na rúa a cargo de estudantes do Conservatorio, escolas de música e agrupacións e intérpretes locais".
A concelleira de Cultura destacou o papel da Sociedade Filarmónica de Lugo "na organización ano tras ano desta mostra garantindo sempre a calidade das e dos artistas escollidos".
Todos os concertos celebraranse no Círculo das Artes de Lugo agás o da agrupación Son de Corda, que terá lugar na Capela de Santa María. Serán con entrada de balde ata completar a cabida. O Festival de Música Cidade de Lugo está organizado pola Concellería de Cultura e Turismo do Concello de Lugo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación (Área de Cultura) e da Sociedade Filharmónica de Lugo.
Programa 51 Festival de Música Cidade de Lugo
18 de maio, Círculo das Artes, 20:30
Gil Incogniti con Amandine Beyer (violín e dirección)
Concerti per il principe (concertos de J. S. Bach)
21 de maio, Círculo das Artes, 20:30
Dianto Reed Quintet
Identidades, a maxia do Duende
23 de maio, Círculo das artes, 20:30
Pérgamo Ensemble e Elisabeth Hetherington (soprano)
Mater Misericordiae (Telemann e Zelenka)
25 de maio, rúas do centro, entre as 12:00 e as 20:00
Músicas na rúa a cargo de alumnado do Conservatorio, escolas de música e agrupacións e intérpretes lucenses
25 de maio, Círculo das Artes, 20:30
Notos Quartett
Piano Quartet (Mozart, Dessner e Brahms)
26 de maio, Capela de Santa María, 19:30
Son de Corda
O mérito das mulheres. Mulleres que transitaron o inicio do barroco no paso dos Séculos XVI a XVII
28 de maio, Círculo das Artes, 20:30
François Dumont, piano
Recital (Bach, Mozart, Liszt e Chopin)
31 de maio, Círculo das Artes, 20:30
La guirlande con Alicia Amo (soprano)
Cristal Bello. Músicas ao divino na España e o México do vicerreinado do Século XVII
1 de xuño, Círculo das Artes, 20:30
Orquestra Sinfónica Vigo 430 con Jonian Illias Kadesha (violín e dirección)
Paixón. Concertos e Sinfonías (Mozart, Vivaldi, Mendelssohn e Haydn)