O PORTAVOZ DO BNG AFIRMOU QUE "MALIA OS ANUNCIOS, VEMOS COMO O PP NON INVESTIRÁ DESDE A XUNTA PARA MELLORAR A DISPOÑIBILIDADE DE ESTACIONAMENTO EN FONTIÑAS"
Arroxo: "Candia e o PP renuncian a un proxecto que permitiría crear un cento de prazas de estacionamento na contorna de Fontiñas"
A nova proposta do goberno contempla a creación de 30 prazas nunha parcela da rúa Primavera "nun espazo que actualmente xa se está a usar como estacionamento e que acolle preto de 50 prazas"
O portavoz do BNG afirmou que "malia os anuncios, vemos como o PP non investirá desde a Xunta para mellorar a dispoñibilidade de estacionamento en Fontiñas"
O portavoz do BNG afirmou que "malia os anuncios, vemos como o PP non investirá desde a Xunta para mellorar a dispoñibilidade de estacionamento en Fontiñas"
17 xul. 2026 - 13:54
Lugo, 17 de xullo de 2026. O portavoz do BNG, Rubén Arroxo, afirmou que o Partido Popular segue a demostrar "falta de proxecto para a cidade" ao renunciar a que a Xunta invista en Lugo para crear un novo espazo de estacionamento público en Fontiñas. Arroxo lembrou que a Xunta de Galiza que se ía construír un novo aparcadoiro en Fontiñas, e que nas últimas semanas o Concello presentou un proxecto para crear 30 prazas nunha parcela da rúa Primavera.
O portavoz do BNG criticou a proposta do Concello "que resta prazas", dado que no proxecto presentado só se contemplan unhas 30 nun espazo que actualmente xa se está a usar como estacionamento e que conta cunha cabida de preto de 50 vehículos. Fronte a esta situación, o BNG defende alternativas concretas, como a proposta presentada como emenda aos orzamentos da Xunta para habilitar máis de 100 novas prazas de estacionamento no cruce da rúa Primavera co carril das Hortas e o carril das Flores. Segundo explicou Arroxo, esta actuación permitiría "responder de maneira eficaz á demanda existente, optimizando os recursos públicos e mellorando a calidade de vida da veciñanza".
A proposta do BNG sitúa este novo estacionamento na unión da rúa Primavera, o Carril das Hortas e o Carril das Flores, "un espazo que actualmente se emprega de maneira desordenada como estacionamento e que con esta proposta se convertería nun espazo útil para a veciñanza, dando continuidade á renovación do Carril das Flores que se está a executar xa".
A proposta inclúe a posibilidade de crear un estacionamento de dúas alturas, aproveitando o desnivel existente entre a rúa Primavera e o Carril das Hortas, o que permitiría "optimizar o uso do espazo e ofrecer preto de cen novas prazas de aparcadoiro". Ademais, o proxecto permitiría mellorar a imaxe urbana desta área situada xunto ao Camiño de Santiago, "cun deseño estético integrado en espazos verdes e coherente coa contorna". Esta nova infraestrutura podería contar cun espazo de 3.000 metros cadrados repartidos en dúas plantas que engadirían preto de 100 prazas de estacionamento á zona.
Rubén Arroxo lembrou que a actuación podería desenvolverse mediante os mesmos instrumentos que empregou a Xunta para executar o aparcadoiro da avenida Breogán, declarando o proxecto de interese autonómico. "Se a Xunta quere, pode facelo tamén aquí, porque dispón da lexislación necesaria para intervir neste tipo de solos", subliñou o portavoz do BNG, quen lembrou que o Partido Popular demostrou "unha mala planificación" ao destinar arredor dun millón de euros á construción dun aparcadoiro "nunha zona onde xa existe unha ampla dispoñibilidade de prazas e deixar Fontiñas abandonada durante anos".