“QUEREMOS SABER QUE TRABALLO REALIZOU ESTA CONCELLERÍA E CALES SON OS SEUS OBXECTIVOS PARA OS VINDEIROS MESES”, INSISTIU RUBÉN ARROXO
O BNG pregunta ao goberno pola "nula actividade" da Concellería de Migración
Rubén Arroxo afirma que “despois de dous meses de goberno non coñecemos ningunha iniciativa desta área máis alá de abandonar o proxecto da Casa do Migrante”
“Queremos saber que traballo realizou esta concellería e cales son os seus obxectivos para os vindeiros meses”, insistiu Rubén Arroxo
“Queremos saber que traballo realizou esta concellería e cales son os seus obxectivos para os vindeiros meses”, insistiu Rubén Arroxo
14 xul. 2026 - 12:01
Lugo, 14 de xullo de 2026. Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo, anunciou que o Bloque Nacionalista Galego rexistrará unha pregunta dirixida ao goberno municipal para coñecer que iniciativas levou a cabo a Concellería de Migración desde a constitución do novo executivo e cal é o plan de traballo previsto para os vindeiros meses. “A creación desta concellería respondía á realidade demográfica do noso concello e ás necesidades das persoas migrantes, pero transcorridos xa estes primeiros meses de mandato non coñecemos ningunha iniciativa posta en marcha”, afirmou o portavoz nacionalista.
O BNG lembrou que a creación dunha área específica de Migración debía servir para impulsar políticas de integración, acompañamento e atención ás persoas migrantes. “Porén, o único que coñecemos ata o momento é o abandono do proxecto da Casa do Migrante, sen que se teña presentado ningunha alternativa nin se informe de actuacións desenvolvidas desde esta concellería”, sinalou Arroxo.
“Lugo é hoxe unha cidade cunha realidade demográfica cada vez máis diversa, e as políticas municipais teñen que adaptarse a esa realidade”, afirmou Rubén Arroxo. Na actualidade conviven no municipio persoas de máis de cen nacionalidades e a poboación migrante representa máis do 15 % do padrón municipal. Nos últimos catro anos, o número de persoas nacidas noutros países seguiu a incrementar, o que evidencia a importancia de desenvolver este tipo de políticas de integración.
A través desta iniciativa, o BNG preguntará ao goberno municipal cales foron as actuacións executadas pola Concellería de Migración desde a constitución do goberno e tamén cal é a planificación prevista para os próximos meses. “Queremos saber se existe un proxecto real para esta área ou se a creación da concellería quedou nun simple anuncio sen contido”, indicou Arroxo.
O portavoz do BNG incidiu en que “Lugo é unha cidade cada vez máis diversa e necesita políticas públicas que dean resposta ás necesidades das persoas migrantes, favorecendo a súa integración e garantindo a igualdade de oportunidades”. Neste sentido, criticou que “o goberno do PP non está a ofrecer información sobre o traballo desta concellería nin sobre os obxectivos que pretende acadar”.
Arroxo concluíu asegurando que non abonda con crear unha concellería, senón que é necesario dotala de contido, recursos e planificación. "A veciñanza ten dereito a saber que se está facendo desde unha área creada precisamente para responder a unha realidade social cada vez máis importante na nosa cidade”.