OLALLA RODIL: "A XUNTA NON PODE MIRAR PARA OUTRO LADO MENTRES A EMPRESA CONCESIONARIA AFORRA EN PERSOAL A COSTA DA ATENCIÓN ÁS PERSOAS MAIORES"
O BNG denuncia a falta de persoal na residencia pública San Antonio de Padua de Lugo e leva o caso ao Parlamento Galego
Olalla Rodil: "A Xunta non pode mirar para outro lado mentres a empresa concesionaria aforra en persoal a costa da atención ás persoas maiores"
Lugo, 14 de xullo de 2026.- O BNG denunciará no Parlamento de Galiza a situación da residencia pública San Antonio de Padua de Lugo, despois de recibir novas queixas de traballadoras, traballadores e familiares que alertan da insuficiencia de persoal e das deficiencias na atención ás persoas usuarias.
A deputada do BNG, Olalla Rodil, lembrou que a residencia foi construída pola Fundación Amancio Ortega e entregada á Xunta de Galiza, que é a titular do centro. "En lugar de asumir directamente a xestión dun servizo público esencial, o Goberno do PP optou por privatizalo e entregalo á Fundación Fesán. O resultado é que seguimos vendo como se prioriza o aforro económico fronte á calidade asistencial", afirmou.
Segundo explicou Rodil, máis dun ano despois da súa posta en funcionamento, continúan existindo importantes carencias de persoal. Entre elas, destacou que o centro conta unicamente con dúas enfermeiras, unha para a quenda de mañá e outra para a de tarde, unha dotación claramente insuficiente para unha residencia de 120 prazas. Ademais, denunciou que unha baixa en enfermaría está a ser suplida cunha persoa xerocultora, sen a cualificación sanitaria necesaria para desempeñar esas funcións.
A deputada nacionalista tamén advertiu de que a praza de fisioterapia continúa sen cubrir, o que repercute directamente na atención que reciben as persoas residentes, especialmente aquelas con maior grao de dependencia.
"O máis preocupante é que estas carencias non son puntuais, senón consecuencia dun modelo de privatización no que a empresa concesionaria reduce persoal para incrementar a rendibilidade, mentres a Xunta permanece impasible, incumprindo a súa responsabilidade como titular da residencia", sinalou Rodil.
Desde o BNG tamén se fan eco do malestar trasladado polo persoal do centro, que denuncia un clima laboral marcado pola presión e polo control constante, nun contexto de falta de recursos humanos que dificulta prestar unha atención digna ás persoas usuarias.
Por este motivo, o Grupo Parlamentario do BNG rexistrará unha batería de iniciativas na Cámara galega para esixir explicacións ao Goberno galego e reclamar actuacións inmediatas.
"O que lle pedimos á Xunta é que cumpra coa súa obriga de controlar a empresa concesionaria e que lle esixa de maneira inmediata á Fundación Fesán a contratación do persoal necesario para garantir unha atención pública, digna e de calidade. Non pode consentir que nunha residencia pública se recorten recursos a costa do benestar das persoas maiores e das condicións laborais das traballadoras e traballadores", concluíu Olalla Rodil.