A MOBILIZACIÓN TERÁ LUGAR O VINDEIRO XOVES DÍA 16 DIANTE DO CONSULTORIO DE DOIRAS PARA RECLAMAR A SÚA REAPERTURA E UNHA COBERTURA SANITARIA ESTÁBEL
A veciñanza de Cervantes volve concentrarse para denunciar que a Xunta segue sen cumprir coa sanidade do concello
A mobilización terá lugar o vindeiro xoves día 16 diante do consultorio de Doiras para reclamar a súa reapertura e unha cobertura sanitaria estábel
Cervantes, 14 de xullo de 2026.- A veciñanza de Cervantes volverá concentrarse o vindeiro xoves día 16 , ás 12.00 horas, diante do consultorio de Doiras para esixir á Xunta de Galiza que cumpra cos compromisos adquiridos e garanta unha atención sanitaria digna no concello. A mobilización chega despois de meses de reivindicacións nos que a situación continúa sen resolverse e os anuncios realizados polo Goberno galego seguen sen materializarse.
As persoas convocantes denuncian que o consultorio de Doiras continúa pechado e que o concello segue sen contar cunha cobertura sanitaria estábel, unha situación que consideran especialmente grave nun municipio marcado polo envellecemento da poboación, a dispersión xeográfica e a dificultade de acceso a outros recursos sanitarios.
A responsábel local do BNG en Cervantes, Maruxa Bardasco, sinalou que "volvemos concentrarnos porque nada cambiou. Levamos meses escoitando promesas e anuncios, pero a realidade é que o consultorio segue pechado e a atención sanitaria continúa sendo insuficiente".
Bardasco lembrou ademais que a chegada do verán agrava aínda máis esta situación debido ao incremento da poboación no concello. "Nestes meses aumenta o número de persoas que residen en Cervantes e, lonxe de reforzarse os servizos sanitarios, seguimos coa mesma falta de persoal e coa mesma incerteza. A Xunta non pode mirar para outro lado mentres medra a demanda asistencial", advertiu.
Desde o BNG consideran que a Xunta está incumprindo a súa responsabilidade de garantir unha atención sanitaria pública e de proximidade no rural e insisten en que non deixarán de apoiar as mobilizacións mentres non se recuperen plenamente os servizos.
"Cada concentración é a consecuencia dos incumprimentos da Xunta. Se a situación continúa igual, a veciñanza seguirá saíndo á rúa para defender un dereito tan básico como é a sanidade pública", concluíu Bardasco.
A concentración celebrarase o vindeiro xoves día ás 12.00 horas diante do consultorio de Doiras, e faise un chamamento á participación da veciñanza para reclamar a reapertura do consultorio e unha cobertura sanitaria suficiente e estábel para todo o concello.