A MOSTRA ESTARÁ SITUADA NO FONDO DA PRAZA MAIOR ATA O 26 DE MAIO
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro asisten á inauguración da exposición Emocións en Perigo, organizada por Afundación, que achegan 34 retratos de animais do fotógrafo Tim Flach
A mostra estará situada no fondo da praza Maior ata o 26 de maio
Trátase da primeira mostra fotográfica de Tim Flach no estado
Lugo, 26 de abril de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, estiveron presentes na inauguración da exposición Emocións en Perigo, organizada por Afundación, que achegan 34 retratos de animais do fotógrafo Tim Flach. Trátase da primeira exposición do fotógrafo inglés no estado, e conta cunha selección de 34 retratos de animais en perigo de extinción fotografados como nunca antes os viramos.
A exposición, que chega a Lugo despois de ser un éxito na súa itinerancia en Vigo, Pontevedra, A Coruña e Compostela, poderá visitarse ata o 26 de maio no fondo da praza Maior, sendo Lugo o primeiro destino desta exposición como mostra aberta na rúa.
Flach asegura que con este proxecto trata de «conectar as persoas coa natureza» cun obxectivo: romper as barreiras que parecen levantarse entre os seres humanos e a natureza a través destas escenas, fomentar a empatía cos retratados, salientar a emoción. Tim Flach (Londres, 1956) quere promover a través da súa obra unha sociedade máis concienciada, formada e sensible coa necesidade de incorporar a sostibilidade a todos os aspectos da nosa vida. «O noso futuro depende diso», defende o fotógrafo.
Na súa dilatada traxectoria, Tim Flach traballou con entidades da talla do National Media Museum en Reino Unido, o Museo de Historia Natural de Suecia, National Geographic ou o xornal The New York Times. É membro honorario da Royal Photographic Society e recibiu o Premio Honorario Doutoramento da Universidade das Artes de Londres. Na actualidade é presidente da Asociación de Fotógrafos Británicos e Europeos (AOP).