RUBÉN ARROXO, PORTAVOZ DO BNG, AFIRMOU QUE "A VECIÑANZA DE LUGO ESTÁ A DEIXAR CLARO QUE REXEITA UN PROXECTO NOCIVO PARA O MEDIO AMBIENTE"

O BNG recolle máis de 300 alegacións ao proxecto de Altri na mesa informativa colocada hoxe no centro de Lugo

Rubén Arroxo, portavoz do BNG, afirmou que "a veciñanza de Lugo está a deixar claro que rexeita un proxecto nocivo para o medio ambiente"

Arroxo: "Estamos diante dunha actividade industrial nin sostible nin moito menos circular, terá uns fortísimos impactos no territorio e no ambiente"

O BNG reclama á Xunta o desenvolvemento dunha alternativa para a dinamización socioeconómica da Ulloa, a Terra de Melide e o Alto Ulla, co obxectivo de fomentar actividades sustentábeis que xeren emprego e que fixen e atraian poboación

O BNG recolle máis de 300 alegacións ao proxecto de Altri na mesa informativa colocada hoxe no centro de Lugo




Lugo, 11 de abril de 2024. O BNG recolleu esta tarde máis de 300 alegacións ao proxecto que a multinacional portuguesa Altri pretende realizar en Palas de Rei. Rubén Arroxo, portavoz do BNG, estivo presente na mesa de recollida e afirmou que as veciñas e veciñas de Lugo "están a amosar o seu rexeitamento a un proxecto que non é nin sostible nin moito menos circular, un proxecto tramitado cunha absoluta falta de transparencia e con enganos". O portavoz do BNG afirmou que "durante máis de dous anos publicitouse unha factoría de fibras téxtiles e finalmente sóubose que o obxectivo principal será a produción de pasta de celulosa soluble, destinada preferentemente á exportación, nun proceso industrial que afectará enormemente á comarca da Ulloa, mais tamén aos concellos próximos como é o caso de Lugo".

A planta ocupará case un millón e medio de metros cadrados con diversas instalacións industriais contaminantes e unha cheminea de 75 m de altura, afectando directa e negativamente a numerosos concellos da contorna. Rubén Arrroxo destacou que as emisións contaminantes da fábrica "chegarán ata Lugo, empeorando a calidade do aire da cidade", e destacou que terá unha importante afectación no Camiño de Santiago e na industria agrogandeira da zona, ademais do marisqueo da ría de Arousa.

"O proxecto de Altri en Palas de Rei condicionará de maneira decisiva a política forestal, incrementando a eucaliptización e afectando aos equilibrios, á biodiversidade e ás cadeas de valor da industria forestal galega", afirmou Rubén Arroxo, que destacou que "a afección deste proxecto vai máis alá dos concellos da contorna, do río Ulla e da ría de Arousa, é un proxecto que atenta contra os intereses xerais de Galiza".

Altri prevé un consumo de grandes cantidades de auga procedentes do río Ulla e o vertido dun voluminoso caudal de augas sometidas a depuración industrial máis contaminantes, que incidirán negativamente na calidade das augas, na biodiversidade e na produtividade tanto do río Ulla como da ría de Arousa, e afectará tamén ás actividades económicas e ao emprego na contorna, o que non compensa en absoluto os supostos beneficios da nova actividade industrial.

O BNG recolle máis de 300 alegacións ao proxecto de Altri na mesa informativa colocada hoxe no centro de Lugo