O BNG insta ao goberno municipal a que solicite axudas para a creación de comunidades enerxéticas

O Bloque defende este sistema de produción que pode axudar a rebaixar o gasto en electricidade, tanto ás arcas municipais como á veciñanza, e que é máis sustentábel.

 

Bernardo Valdês, candidato á alcaldía de Cervantes “desde o BNG consideramos que se deben aplicar medidas para construír un sistema máis sostíbel, que permita reducir a factura eléctrica tanto do Concello como das persoas que vivimos aquí”

O BNG insta ao goberno municipal a que solicite axudas para a creación de comunidades enerxéticas

Cervantes, 10 de maio de 2023.- O Bloque Nacionalista Galego trasladou ao goberno municipal unha proposta para que o Concello de Cervantes, a través dalgunha das dúas liñas de axuda que están abertas neste momento, solicite financiamento para impulsar comunidades enerxéticas.

Esta fórmula de produción e consumo consiste en pequenas asociacións de participación veciñal e nas que tamén poden participar as administracións locais na que se aproveitan recursos enerxéticos a través das enerxías renovábeis e supoñen unha fórmula máis sostíbel e eficiente.

O candidato á alcaldía do BNG en Cervantes, Bernardo Valdês, declarou “o Concello debe pór en marcha medidas para contribuír á sustentabilidade ambiental e á redución da factura da electricidade, un importante gasto para as arcas muncipais, e tamén para as casas da veciñanza”

Neste senso, Bernardo Valdês destacou ”nun contexto onde a electricidade cada día está máis cara, aproveitar axudas para mellorar o aforro de todas e todos, son medidas que desde un goberno municipal se deben contemplar”

De igual modo, o candidato do BNG sinalou que “desde o BNG impulsamos unha proposta neste sentido, para que o goberno municipal aplique a través dos seus recursos un estudo e aproveite as liñas de axudas existentes neste eido, isto tería un custo mínimo e un avance na mellora da calidade de vida da veciñanza”

O BNG insta ao goberno municipal a que solicite axudas para a creación de comunidades enerxéticas