A TARXETA CIDADÁ PERMITE AFORRAR ATA O 50% NO PREZO DO BUS URBANO, UN DOS MÁIS BARATOS DO ESTADO, E DESFRUTAR DE TRANSBORDO GRATUÍTO

A Tenencia de Alcaldía renova o deseño da tarxeta cidadá


Rubén Arroxo: "Animamos á veciñanza a obter a tarxeta cidadá e usar o bus urbano nos seus desprazamentos"

A tarxeta cidadá permite aforrar ata o 50% no prezo do bus urbano, un dos máis baratos do estado, e desfrutar de transbordo gratuíto

O transporte público continúa a batir récords de usuarios con 201.315 viaxeiros no mes de abril, marcando o mellor abril desde que se gardan rexistros, con só un 3.34% de transbordos

A Tenencia de Alcaldía renova o deseño da tarxeta cidadá



Lugo, 03 de maio de 2023. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto coa edil de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López anunciou que a Tenencia de Alcaldía vén de renovar o deseño da Tarxeta Cidadá. Arroxo explicou que "despois da renovación das liñas é o momento de actualizar o deseño da tarxeta, garantindo sempre que haxa existencias para facilitar que a veciñanza poida desfrutar de todas as vantaxes que supón a tarxeta á hora de desprazarse en bus urbano".

O bus urbano pasou pola maior transformación das últimas décadas, cunha renovación total do servizo aprobada por unanimidade de todos os grupos da corporación municipal. Esta renovación que permitiu mellorar as conexións da veciñanza coas distintas zonas da cidade, facendo que unha grande porcentaxe de veciñas e veciños de Lugo conten agora con conexión en bus preto das súas casas.

O transporte público de Lugo continúa a batir récords de usuarios e usuarias. No mes de abril houbo un total de 201315 viaxeiros, "marcando o mellor abril desde que hai rexistros". Nos billetes expedidos en abril rexistrouse tan só un 3,34% de transbordos, unha porcentaxe similar a antes da reforma das liñas, "o que demostra que a reformulación das liñas de transporte urbano está a facer que máis persoas aposten por deixar o coche na casa e desprazarse por Lugo utilizando o bus", afirmou Rubén Arroxo.

"Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "coa Tarxeta Cidadá, o prezo do bus urbano redúcese ata nun 50%". O Tenente Alcalde anunciou que "máis de 30.000 persoas teñen xa a súa tarxeta cidadá e desfrutan de todas as vantaxes que supón este sistema".

Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64€ a 0.45€, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31€ no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida, con transbordos gratuítos en todas as situacións. Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.

A Tenencia de Alcaldía renova o deseño da tarxeta cidadá