O PORTAVOZ DO BNG CRITICOU QUE SE DEIXASE FORA A LUGO DUNHA NECESIDADE "RECLAMADA NON SÓ POLO BNG, SENON POR TODO O MOVEMENTO FEMINISTA E ATA RESPALDADA POLO OBSERVATORIO CONTRA A VIOLENCIA DOMÉSTICA E DE XÉNERO"
Rubén Arroxo: "A Xunta segue a marxinar a Lugo, deixándonos fora da reclamación dun xulgado específico de violencia de xénero"
O portavoz do BNG criticou que se deixase fora a Lugo dunha necesidade "reclamada non só polo BNG, senon por todo o movemento feminista e ata respaldada polo Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero"
A Xunta vén de reclamar 12 novas unidades xudiciais deixando a Lugo fóra da solicitude trasladada ao Ministerio de Xustiza
Lugo, 03 de maio de 2024. O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, valorou como "unha nova marxinación a Lugo" o anuncio da xunta de reclamar 12 novas unidades xudiciais para toda Galiza "sen incluir entre elas un xulgado especifico de violencia de xénero para Lugo".
O BNG segue a considerar fundamental a creación deste xulgado "fundamental para loitar contra a violencia machista", e critica que a Xunta "non solicite este xulgado, unha petición histórica do movemento feminista de Lugo e que foi recomendada mesmo polo Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero".
A Comisión Mixta de Xustiza da Xunta e o TSXG acordaron hoxe refclamar ao Goberno a creación de 12 novos xulgados, entre os que se inclúe un específico de violencia de xénero en Compostela, xulgados de primeira instancia en Ourense, Vigo, Pontevedra e A Coruña, xulgados de Primeira Instancia e Instrucción en Viveiro, Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Carballo, un xulgado do Contencioso Administrativo en Compostela, un xulgado do Penal en Ourense e un do social en Ferrol.
A proposta do BNG para este Xulgado consiste nun sistema comarcalizado deste servizo xudicial, no que se acollan todos os casos que se produzan en Lugo, facendo posíbel unha atención próxima ás vítimas e reducir a perturbación que o proceso xudicial implica. Ademais de ser atendido por profesionais cualificados na materia.
Rubén Arroxo afirmou que "seguiremos a traballar para que se instaure en Lugo un xulgado específico en violencia de xénero, esta reclamación histórica é mais necesaria que nunca para loitar contra a lacra machista na sociedade", e engadiu que "seguiremos a promover iniciativas a través do deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, para conseguir este xulgado malia as discriminacións da Xunta de Galiza cara o noso concello".