O BNG TAMÉN RECLAMA A INTERVENCIÓN DA XUNTA NA MESMA LIÑA QUE ACABA DE ANUNCIAR INVESTIMENTOS NA IGREXA DE VILAR DE DONAS EN PALAS DE REI

O BNG preguntará polas promesas da Deputación en 2014 para recuperar os frescos das igrexas de Guitiriz

Xosé Ferreiro sinalou “a actual alcaldesa, daquela deputada do goberno, reuniuse con colectivos e veciños para comprometerse á recuperación das pinturas de Labrada”

O BNG preguntará polas promesas da Deputación en 2014 para recuperar os frescos das igrexas de Guitiriz

Lugo, 18 de xaneiro 2018. O Deputado Provincial do BNG, Xosé Ferreiro, anunciou que presentará unhas preguntas dirixidas ao goberno da Deputación de Lugo para aclarar cales foron os trámites feitos dende o organismo provincial para acometer a recuperación e rehabilitación dos frescos da igrexa de Labrada. Ferreiro lembrou que decembro de 2014 a actual alcaldesa, daquela deputada con responsabilidades en materia de artesanía, reuniuse coa veciñanza e colectivos para anunciar que a Deputación recuperaría o conxunto histórico artístico da igrexa de Labrada (Guitiriz) e as pinturas murais. Ademais o BNG tamén reclama a intervención da Xunta na mesma liña que acaba de anunciar investimentos na igrexa de Vilar de donas en Palas de Rei “non pode ser que o goberno Feijoo unicamente invista cartos naqueles concellos nos que goberna o PP” afirmou Ferreiro.

Xosé Ferreiro lembrou que “ademais da igrexa de Labrada existe outro caso que precisa dunha actuación máis exhaustiva en Os Vilares e para o que tamén pediremos a intervención da Deputación xuntamente con outras administracións e entidades” e afondou na necesidade de “abrir un espazo de diálogo entre a Xunta o Arcebispado, o Concello de Guitiriz e a Deputación de Lugo para acometer as actuacións de consolidación e restauración que sexan precisas”. Ferreiro sinalou “parece que dende a chegada á alcaldía da actual rexedora socialista, e ao perder poder na Deputación, acabouse o interese polo patrimonio artístico”.

En decembro de 2014 houbo unha xuntanza na que estiveron presentes representantes dos colectivos Plataforma ProLabrada, Asociación de Mulleres Rurais e da asociación de cazadores; así como veciños e veciñas da parroquia; na que a actual alcaldesa, literalmente, subliñou “o compromiso da Deputación para recuperar estas obras de gran valor histórico e patrimonial da provincia, ao tempo que sinalou a importancia destes murais” e afirmou “que debemos conservar e pór en valor como reclamo para atraer turismo á zona e dinamizar así a economía local”.

Na igrexa parroquial de Labrada, no Concello de Guitiriz, atópanse un conxunto de pinturas mural ao fresco enormemente deteriorados. En total son cinco pezas que recollen na parte esquerda da entrada, tres escenas dos evanxeos: a lamentación de Cristo Morto, a imposición da calulla a Santo Ildefonso e o Santiago Matamouros; xunto con outras dúas, localizadas na parte dereita da igrexa, que representan ornamentos xeométricos e un fragmento dunha escena de paisaxe. Tamén na igrexa de Os Vilares, no mesmo concello, foron atopados murais, desta volta de autoría descoñecida mais de data próxima aos de Labrada. Segundo o estudo realizado por Monterroso Montero datarían do século XVI, entre 1530 e 1540, e atribúenselle ao Mestre de Parga.

Enlace nova Deputación 11/12/2014:

http://www.deputacionlugo.org/portal_localweb_ag/p_20_contenedor1.jsp?seccion=s_fnot_d4_v1.jsp&contenido=26109&tipo=8&nivel=1400&language=es