Arroxo: “o novo alumeado da Ronda mellorará a percepción visual da Muralla”

O Tenente Alcalde lembrou que “nos vindeiros días rematarán os traballos de humanización da Ronda, no treito entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba”

 

Veñen de colocarse as 9 luminarias LED RGB, que permitirán adaptar a iluminación á luminosidade do día, cun baixo consumo de enerxía

Arroxo: “o novo alumeado da Ronda mellorará a percepción visual da Muralla”

Lugo, 02 de novembro de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, informou dos avances na obra de humanización da Ronda da Muralla, que se está a executar no treito entre as rúas Santiago e Vilalba. Arroxo explicou que “vense de colocar o novo alumeado na zona, e unha vez que entre en funcionamento mellorará a percepción visual da Muralla”.

 

Nos últimos días instaláronse 9 novas luminarias LED tipo RGB, que permitirán adaptar a intensidade lumínica ás distintas horas e á luminosidade do día. O alumeado permitirá variar a luminosidade do monumento segundo a hora do día, mostrando luces de tonalidade cálida na noite e luz fría durante as mañás. "Ademais, continuamos a avanzar na implantación do alumeado LED cun baixo consumo enerxético, para reducir a factura da luz e as emisións contaminantes", lembrou Rubén Arroxo.

 

Desde a área de Mobilidade e Infraestruturas agárdase que durante esta semana se recupere a normalidade do tráfico da zona, ao estarse rematando xa os traballos de pavimentación do novo vial para os vehículos. Arroxo lembrou que “nos vindeiros días reabrirase a circulación do tráfico neste treito, e a veciñanza poderá desfrutar dun novo treito da Ronda completamente renovado”.

Arroxo: “o novo alumeado da Ronda mellorará a percepción visual da Muralla”