O BNG pregunta polas actividades de conciliación para as familias durante o verán
Maite Ferreiro: "Estamos xa nas últimas xornadas de curso, o Concello ten que anunciar xa que actividades organizará e cantas prazas vai ofertar"
O BNG preguntará na comisión de política social e conciliación sobre este asunto
O BNG preguntará na comisión de política social e conciliación sobre este asunto
09 xuño 2026 - 14:15
Lugo, 09 de xuño de 2026. A concelleira do BNG, Maite Ferreiro, anunciou que o BNG preguntará ao Goberno municipal sobre a oferta de actividades de conciliación de cara ao verán, nun momento no que o curso escolar está a piques de rematar e moitas familias precisan organizar o coidado das crianzas.
Ferreiro sinalou que “estamos xa nas últimas xornadas de curso, polo que o Concello ten que anunciar xa que actividades organizará e cantas prazas vai ofertar”, subliñando a importancia de facilitar información clara e anticipada para garantir unha planificación axeitada por parte das familias.
"As políticas de conciliación son unha ferramenta fundamental para avanzar na igualdade e apoiar ás familias, especialmente durante os meses de verán, cando desaparecen os horarios e servizos asociados ao calendario escolar", dixo Maite Ferreiro, que engadiu "o Concello debe ofrecer unha programación suficiente, accesible e adaptada ás necesidades reais da veciñanza".
O BNG trasladará estas cuestións á próxima comisión de política social e conciliación, "para que o Goberno facilite canto antes toda a información e as familias de Lugo poidan planificarse".