A TENENCIA DE ALCALDÍA HABILITARÁ UN NOVO PASO DE PEÓNS ELEVADO, AMPLIARÁ AS BEIRARRÚAS E CREARÁ UNHA NOVA ZONA DE AGARDA NA CONTORNA DA ENTRADA DA RÚA PINTOR CORREDOIRA
Continúa o plan de humanización das contornas escolares cunha nova actuación no CEIP Anexa
Rubén Arroxo, acompañado por Alexandre Penas e Iria Buide, visitou as obras que veñen de comezar
A Tenencia de Alcaldía habilitará un novo paso de peóns elevado, ampliará as beirarrúas e creará unha nova zona de agarda na contorna da entrada da rúa Pintor Corredoira
15 abr. 2026 - 14:16
Lugo, 15 de abril de 2026. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola edil de Educación, Iria Buide, e o responsábel de Infraestruturas, Alexandre Penas, visitaron a rúa Pintor Corredoira, onde vén de comezarunha nova actuación de mellora do espazo público "que permitirá aumentar a seguridade peonil nesta contorna escolar do CEIP Anexa", dixo Rubén Arroxo.
O Tenente Alcalde destacou esta actuación como "unha nova fase do plan de mellora das contornas escolares", e afirmou que a Tenencia de Alcaldía leva "anos" traballando na mellora dos espazos "seguindo a liña das actuacións realizadas nos colexios Luís Pimentel, As Mercedes e Rosalía de Castro, e que agora comeza tamén no CEIP Anexa".
As intervencións principais consisten na creación dun novo paso de peóns elevado en Pintor Corredoira, no ensanchamento da beirarrúa diante do colexio, e na creación dunha nova zona de agarda nunha parcela municipal sen uso. A beirarrúa ampliada estará protexida por unha varanda de aceiro galvanizado e a nova zona de agarda pavimentarase con formigón impreso e contará con novas árbores, creando novas zonas de sombra.
Con esta actuación, a Tenencia de Alcaldía segue avanzando para que todas as crianzas de Lugo conten con espazos seguros no entorno dos seus centros escolares, consolidando unha cidade máis amable e protectora coas nenas e nenos.