A área de Mobilidade prorroga por tres meses as bonificacións da Tarxeta Cidadá

Arquivo
Arquivo

Rubén Arroxo: “debido á situación de emerxencia sanitaria decidimos prorrogar as bonificacións para que as persoas usuarias teñan máis tempo para formalizar as renovacións anuais”

As bonificacións están dispoñibles para persoas desempregadas, estudantes e persoas con mobilidade reducida

A área de Mobilidade prorroga por tres meses as bonificacións da Tarxeta Cidadá

Lugo, 21 de xuño de 2020. O Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, informou á veciñanza da prórroga das bonificacións da tarxeta cidadá a todas as persoas usuarias. Segundo Rubén Arroxo, “decidimos realizar esta prórroga debido á situación de emerxencia sanitaria”. “Con esta medida pretendemos que as persoas usuarias teñan un prazo maior para formalizar as renovacións anuais das súas bonificacións”, declarou Rubén Arroxo. As bonificacións dispoñíbeis enfócanse a persoas desempregadas, estudantes e persoas con mobilidade reducida, que desfrutan de prezos de viaxe e transbordo reducidos.

“Seguimos animando á veciñanza a que pague o bus urbano coa Tarxeta Cidadá” afirmou Rubén Arroxo, que explicou, “coa tarxeta, redúcese o contacto entre persoal e usuarios e usuarias do transporte público, o que na práctica se traduce en reducir os riscos de contaxio”. Ademais, o Tenente de Alcalde lembrou que “o prezo do billete redúcese de 0,64€ a 0,45€, ou incluso 0,31 no caso de ter dereito a algunha bonificación, pagando só 0,19€ se se realiza un transbordo”.

Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.

A área de Mobilidade prorroga por tres meses as bonificacións da Tarxeta Cidadá