EN ANO E MEDIO O DEPARTAMENTO DE CULTURA SUFRIU A XUBILACIÓN DA XEFA DE SERVIZO, O DIRECTOR DA BANDA E DO COORDINADOR DE PUBLICACIÓNS E NON SE CUBRIU NINGUNHA DELAS

O BNG-AA denuncia a perda do Boletín InfoCultural que elaboraba o Concello de Lugo

“As baixas e xubilacións de persoal municipal que o goberno se nega a cubrir seguen causando un deterioro dos servizos prestados polo concello” dixo Maite Ferreiro

O BNG-AA denuncia a perda do Boletín InfoCultural que elaboraba o Concello de Lugo

Lugo, 6 de novembro de 2017. O BNG-AA denuncia que dende o pasado mes de setembro o concello de Lugo deixou de emitir o boletín InfoCultural que se elaboraba dende o departamento de cultura. A edil Maite Ferreiro lembrou que este boletín semanal de información cultural foi posto en marcha cando o BNG tivo responsabilidades de goberno. No boletín recollíase información sobre as programacións culturais das diferentes institucións como Concello, Deputación e Universidade ademais de eventos promovidos dende diferentes colectivos e espazos da cidade.

Unha das últimas entregas deste boletín InfoCultural, de difusión dixital, foi o pasado 15 de outubro e dende aquel momento deixou de elaborarse. Para o BNG-AA este feito coincide coa xubilación da persoa que ocupaba a praza de coordinador de publicacións.  “As baixas e xubilacións de persoal municipal que o goberno se nega a cubrir seguen causando un deterioro dos servizos prestados polo concello e esta é unha mostra máis” dixo Maite Ferreiro. A edil do BNG lembrou, tamén, que en ano e medio o departamento de Cultura sufriu a xubilación da xefa de servizo, o director da banda e do coordinador de publicacións e non se cubriu ningunha delas.

Maite Ferreiro referiuse á falta de persoal en diferentes servizos pola “nefasta xestión de persoal” deste goberno e sinalou como “tivo que ser o BNG quen denunciase recentemente a falta de cobertura da baixa dunha traballadora social ou do conserxe do colexio Rosalía de Castro para que se tomasen medidas”. “Non entendemos como existindo listas de agarda e tantas persoas buscando emprego, o goberno do PSOE non procede a cubrir as baixas facendo uso das listas de agarda das que dispón o propio concello”  afirmou Ferreiro e engadiu que “vemos día tras día como a alcaldesa se esconde detrás das leis do PP no estado pero non é certo que esta lei lle impida facer contratacións en todos os casos”.