RUBÉN ARROXO SINALOU QUE DENDE O ANO 2011 O CONCELLO GASTOU MÁIS 1 MILLÓN EUROS NO PAGO DE LICENCIAS INFORMÁTICAS E NO 2016 ORZAMENTARONSE 118.000 EUROS

O BNG-AA lembra que hai unha iniciativa aprobada no pleno para a implantación de software libre e non se fixo nada

Imaxe de arquivo de ediles do BNG-AA no pleno do concello de Lugo
Imaxe de arquivo de ediles do BNG-AA no pleno do concello de Lugo

“Compre redimensionar o servizo de informática, hai os mesmos traballadores que cando o concello tiña catro ordenadores con conexión a internet” dixo Rubén Arroxo

O BNG-AA lembra que hai unha iniciativa aprobada no pleno para a implantación de software libre e non se fixo nada

Lugo, 20 de decembroo de 2016. O voceiro do BNG – Asembleas Abertas no concello de Lugo, Rubén Arroxo, sinalou hoxe a necesidade de “redimensionar” a plantilla na área de informática para dar cobertura ás actuais necesidades do concello de Lugo. Arroxo explicou que “estase pagando a empresas externas, son os funcionarios os que fan gran parte do traballo, e na plantilla municipal hai os mesmos traballadores que cando o concello tiña catro ordenadores con conexión a internet”. A día de hoxe o concello conta con máis de 800 terminais informáticos distribuidos en decenas de dependencias municipais. Para o BNG-AA “sería necesario rebaixar a factura no gasto de licencias informáticas, a través da implantación do software libre, e incrementar os postos de traballo, rebaixando a factura das empresas externas”.

O BNG – Asembleas Abertas xa instou ao goberno municipal, en diferentes ocasións, a iniciar a implantación de software libre nos sistemas informáticos das dependencias que dependan do concello. Rubén Arroxo asegurou que “o uso de software privativo é ineficiente para as institucións públicas, sobre todo debido ao alto custo que hai soportar polo pago das licenzas”. Ademais do custo das licenzas, que no caso do concello de Lugo supera os 100.000 € anuais, tamén existen dificultades de adaptación ás necesidades concretas do Concello.

Arroxo lembrou que o pleno do concello de Lugo aprobou, en decembro de 2014, unha iniciativa do BNG na que se reclamaba a adopción de medidas necesarias para deseñar e aprobar antes do remate do pasado mandato un plan de migración dos sistemas informáticos do Concello suxeitos a licenza de xeito que non haxa necesidade de renovalas ou de facelo haxa xa un calendario de substitución. Rubén Arroxo sinalou que “nada de esto se fixo” e animou ao actual goberno socialista a “romper cos malos hábitos” e traballar naquelas cuestións aprobadas por todos e que son beneficiosas para Lugo.

Ademais os nacionalistas tamén pretenden que o goberno local elabore un plan de investimentos en desenvolvemento de software de código aberto cos aforros producidos polas licenzas que non se renovan, que teña en consideración as empresas TIC locais e/ou galegas. Arroxo asegurou que o actual modelo de xestión informática do concello de Lugo xenera dependencia tecnolóxica das multinacionais e sinalou que “o máis de 1.000.000 € que o concello de Lugo pagou nestes últimos anos foron parar a miles de kilómetros e non tiveron repercusión económica nin xeraron emprego na localidade”. Ademais os software deseñado por multinacionais ten, tamén, dificultades para o desenvolvemento do traballo en idioma galego.

Arroxo explicou que existen alternativas ao uso de software privativo que están xa en marcha en moitos lugares. O uso de ferramentas de código aberto e sen custo de licenza xunto co desenvolvemento de solucións xeneradas en clave local sobre esas ferramentas, permiten aforrar no custo total, pero sobre todo permiten unha mellor adecuación ás necesidades dos concellos e xeneran impacto local en emprego e creación de riqueza e coñecemento.

Para o BNG – Asambleas Abertas “as institucións públicas son un eido privilexiado de desenvolvemento destas iniciativas e máis que nunca en momentos de crise onde a non dependencia e a capacidade de innovación deben ser motor de sustentabilidade e creación de emprego”.