O GRUPO DO BNG-AA PRESENTARÁ PRETO DUN CENTO DE PROPOSTAS PARA ANALIZAR CALES SE PODEN INCLUÍR NO DOCUMENTO ORZAMENTARIO E CALES SON AS PREVISIÓNS DO GOBERNO PARA EXECUTALAS

O BNG-AA manterá unha xuntanza formal co PSOE para facilitar a aprobación dos orzamentos

Rubén Arroxo sinalou que “a nefasta xestión do PSOE non pode castigar á veciñanza,  por iso o BNG decide tomar as rendas presentando unha proposta para os orzamentos”

O BNG-AA manterá unha xuntanza formal co PSOE para facilitar a aprobación dos orzamentos

Lugo, 26 de abril de 2017. O voceiro do BNG – Asembleas Abertas, Rubén Arroxo, anunciou que mañá está prevista unha xuntanza formal entre os grupo municipal do BNG – AA e o grupo municipal do PSOE encamiñada a facilitar a aprobación dos orzamentos municipais neste ano 2017. Rubén Arroxo lembrou que “a decisión final será da asemblea do BNG na que, ademais da militancia, poderán participar simpatizantes e todas as persoas que participaron no proceso do BNG – Asembleas Abertas no que se conformou a candidatura que agora representamos neste concello de Lugo”.

Rubén Arroxo sinalou que “a experiencia destes anos non é positiva pero é responsabilidade de todos que o concello conte cuns orzamentos este ano” e informou “temos unha serie moi ampla de propostas, algunhas delas xa as presentamos o pasado ano e outras son novas”. Para o BNG – AA “a creación da zona pública de baño é un dos temas máis lamentables por que os gobernos socialistas levan retrasando a súa execución dende que o BNG a propuxo no ano 2009, foise anunciando todos os anos pero a realidade é que Lugo segue sen zona de pública de baño pola falta de responsabilidade do PSOE”. “Todos os anos hai unha partida económica que non se executa para a zona pública de baño”.

O Grupo do BNG-AA presentará preto dun cento de propostas para analizar cales se poden incluír no documento orzamentario e cales son as previsións do goberno para executalas. “Queremos saber cales son as previsións do grupo socialista e cales son as posibilidades reais de executar uns orzamentos que non van estar aprobados de xeito efectivo ata o mes xuño no mellor dos casos” dixo Rubén Arroxo que lamentou “unha situación absolutamente irregular a que se dá neste concello sen orzamentos no mes de maio e cunha chea de contratos caducados que provoca continúas disfuncións no funcionamento do concello”.

Entre as propostas que os nacionalistas presentarán están, segundo explicou Arroxo, “cousas que se deberían executar por que xa foron aprogadas polo pleno e non deberían formar parte dunha negociación de orzamentos pero que nos vemos obrigados a lembrar por que o PSOE parece que xa non se lembra”. Arroxo referiuse ao proxecto de excavación do Castro da Piringalla e á creación dun espazo de lecer libre de tráfico da Mosqueira.

Arroxo sinalou que “precisamos unhas clarificación das propostas a executar cos fondos EDUSI para poder tomar unha decisión, que será colectiva, que permita a aprobación dos orzamentos municipais”. Arroxo lembrou que outras das propostas que o BNG-AA levará ao pleno será a de destinar os fondos do Plan Único da Deputación ás parroquias do concello iniciando a instalación do abastecemento de auga nas parroquias do rural cos 500.000 € que as arcas municipais recibirán este ano “entendemos que os fondos do Plan Único teñen que ir destinados ao rural de Lugo por que o goberno do PSOE ten moitas débedas con moitas das nosas parroquias”.