ARROXO DIXO QUE “NESTE CRUCE A PREFERENCIA TEN QUE SER PARA AS PERSOAS E O FEITO DE QUE OS PEÓNS TEÑAN QUE PULSAR O BOTÓN, PARA PEDIR PERMISO, XA LLE DA PREFERENCIA AOS VEHÍCULOS”

O BNG-AA pedirá no pleno a retirada do semáforo “máis absurdo do mundo” situado na praza de Santo Domingo

“Este paso de peóns une dúas zonas peonís e teñen que ter preferencia absoluta os peóns, hai que avanzar cara a peonalización total do casco histórico” afirmou Arroxo

O BNG-AA pedirá no pleno a retirada do semáforo “máis absurdo do mundo” situado na praza de Santo Domingo

Lugo, 7 de setembro 2017. O voceiro do BNG - AA, Rubén Arroxo, anunciou que presentará un rogo ao pleno da corporación para que se elimine o semáforo situado no paso de peóns que situado, á sáida da rúa da Raiña, na praza de Santo Domingo. Arroxo cualificouno como “o semáforo máis absurdo do mundo” e explicou que “sirve, unicamente, para dar preferencia aos vehículos nunha zona da cidade que ten vocación peonil”. Arroxo lembrou que o BNG xa realizou esta petición con anterioridade e “ante a falta de acción do goberno agora elevarémola ao Pleno da Corporación” e sinalou que “neste cruce a preferencia ten que ser para as persoas e o feito de que os peóns teñan que pulsar o botón, para pedir permiso, xa lle da preferencia aos vehículos”.

O voceiro do BNG – AA explicou que non ten sentido a existencia deste semáforo xa que, por exemplo, dase un caso similar no paso de peóns que une Santo Domingo coa rúa do Progreso “onde é máis perigoso por que a rúa é máis ancha e circulan vehículos en dous sentidos”. Arroxo insistiu en que “é cousa do século pasado formar apelotonamentos de persoas cun semáforo que non regula nada”. Rubén Arroxo sinalou “nesta cidade que estamos vendo atropelos de persoas e de importantes consecuencias cada día, deberiamos pensar en tomar medidas para defender ás persoas fronte aos vehículos”.

Arroxo sinalou que “en marzo deste mesmo ano aprobouse, tamén en pleno, unha iniciativa do BNG para que se iniciase a peonalización integral do casco histórico da cidade, pero a día de hoxe non se ten avanzado neste senso”. Para o BNG-AA “avanzar na peonalización do casco histórico, da ronda da muralla e das principais rúas da cidade é un dos obxectivos fundamentais para que Lugo teña futuro como cidade habitada e habitable”.

Nunha información, publicada nun medio de comunicación galego fai exactamente un ano e medio, xa se recoñecía que este era o semáforo máis ignorado polas persoas que por alí transitan diarimente. Segundo os datos deste medio de comunicación, nun sondeo realizado nas 7 cidades galegas,  solo 4 de 170 persoas respectaron este semáforo situado en Lugo. Para o BNG-AA “é o momento de pensar nun Lugo para as persoas e para o século XXI, de facer a cidade máis habitable e de tomar medidas encamiñadas a un recinto amurallado completamente peonil”.