NO ANO 2016 O CONCELLO DE LUGO RECIBIU 138.424 € PARA O ARRANXO DE CAMIÑOS MUNICIPAIS E RECIBIRÁ 47.538,50 € NOS ANOS 2017 E 2018

O BNG-AA pedirá que a Xunta invista máis fondos para o arranxo das pistas rurais do concello

Rubén Arroxo afirmou que a Xunta castiga este ano a Lugo restándolle 90.885,50 € con respecto ao ano 2016

O BNG-AA pedirá que a Xunta invista máis fondos para o arranxo das pistas rurais do concello

Lugo, 14 de xuño 2017. O BNG - AA presentará unha iniciativa ao pleno da corporación municipal para instar ao Goberno Galego a incrementar a dotación do Plan marco de camiños rurais cos concellos e dotar dito Plan dun orzamento plurianual, que asegure investimentos de xeito sostido e progresivo en colaboración cos concellos. Rubén Arroxo lembrou que o BNG xa impulsou un Plan Único de investimentos da Deputación nos concellos “e esto supuxo un importante avance na democratización e estabilidade do finanzamento nos concellos da provincia”.

Arroxo sinalou que “No ano 2016 o concello de Lugo recibiu 138.424 € para o arranxo de camiños municipais e recibirá 47.538,50 € nos anos 2017 e 2018” e afirmou que a Xunta castiga este ano a Lugo restándolle 90.885,50 € con respecto ao ano 2016. A Consellaría do Medio Rural vén de comunicar aos concellos as previsións de investimento a través do denominado “Plan marco de mellora dos camiños rurais” para o período 2017-2018 e segundo a información trasladada a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, dito Plan conta cunha dotación  de 15.998.673 euros para dito período de dous anos, a distribuír entre os concellos do país.

A dotación consignada supón unha redución importante na dotación de recursos para levar adiante, en colaboración cos concellos, investimentos necesarios no medio rural de Galiza.  Así, fronte ao antecedente inmediato, o Plan marco de mellora de camiños rurais para 2016, que contaba cunha dotación para un ano de 19.998.100 de euros, redúcense os fondos dispoñíbeis en máis dun 60 por 100. A Consellaría do Medio Rural recorta a asignación indicativa de 13 euros por habitante de 2016, ao pasar agora a 10 euros por habitante para o período bianual, isto é, 5 euros por habitante e ano. No caso do concello de Lugo a cantidade reduciuse dos 138.424 € que recibiu no ano 2016 aos 47.538,50 € que recibirá nos anos 2017 e 2018.

Esta redución deixa ás claras que o medio rural, os investimentos para a súa mellora e desenvolvemento non son a prioridade do Goberno do Partido Popular en Galiza, pois relega investimentos destinados a actuacións que inciden directamente na mellora dos equipamentos e infraestruturas no medio rural, que potencian directamente a base produtiva do agro galego. Esta redución afectará a moitas pistas e camiños rurais do concello de Lugo.