O BNG PRESENTA OS CASOS DE ALLARIZ E PONTEVEDRA COMO EXEMPLOS VIVOS DAS POLÍTICAS TRANSFORMADORAS, NO ÁMBITO LOCAL, LEVADAS A CABO EN CONCELLOS RURAIS E CIDADES

O BNG aposta pola dinamización económica dos concellos rurais e pon o “proceso de Allariz” como exemplo

O alcalde de Allariz, Paco García, presentou as iniciativas de dinamización económica, potenciación medioambiental e aposta pola calidade de vida levada a cabo polo BNG

O BNG aposta pola dinamización económica dos concellos rurais e pon o “proceso de Allariz” como exemplo

Lugo, 15 de abril de 2018. Nesta fin de semana o BNG reuniu a representantes municipais e ediles da comarca de Lugo – Centro nun encontro sobre política municipal. No encontro, o actual alcalde de Allariz, Paco García, presentou as iniciativas de dinamización económica, potenciación medioambiental e aposta pola calidade de vida levada a cabo polo BNG no concello ourensán. Este encontro formou parte dunha serie de charlas e xuntanzas que o BNG ten programadas e que se abriu coa intervención do alcalde de San Sadurniño o pasado mes de febreiro.

Neste ocasión o encontro xirou arredor “da necesidade de facer apostas decididas, dende os concellos, para paliar e frear as consecuencias negativas das políticas especulativas ao servizo do capital financeiro”. Paco García apostou por que “os orzamentos municipais manteñan unha oferta de servizos públicos de calidade, para garantir a calidade de vida das persoas”. O rexedor explicou como, no caso de Allariz, se impulsaron inciativas como un mercado semanal da Reserva da Biosfera, ás feiras e eventos de promoción, ao apoio ás iniciativas privadas que se desenvolvan especialmente no sector primario para promover o aproveitamento do territorio e frear o abandono do medio rural.

Outra das apostas do BNG en Allariz foi a de apoiar  importante sector comercial e de servizos de Allariz, especialmente comercio e hostalería se poidan beneficiar da programación de eventos e actividades para reforzar a capacidade de atracción de Allariz e así paliar a caída do consumo e de actividade económica. Nos datos presentados polo Instituto Galego de Estatística e do Observatorio Económico Ourensán, Allariz é un dos poucos concellos nos que o número de empresas e o número de afiliados á Seguridade Social aumentou durante o período de crise económica. Un 12,7% máis no censo de empresas no que sen dúbida ten moito que ver a dinamización económica que o Concello de Allariz está impulsando e no que Allariz se ten convertido nunha marca de valor, de prestixio que en si mesma é todo un activo económico.