“NON É ACEPTABLE QUE SE DEIXE PECHAR O CAMIÑO POLA MALEZA E MÁIS NA ÉPOCA NA QUE MÁIS XENTE PASA POLA ZONA” DIXO ARROXO

O BNG pide unha vez máis a reparación da pasarela do Rato e os debroces na unión co parque do Miño

IMG_2399
IMG_2399

Lugo, 4 de agosto de 2017. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, denunciou unha vez máis a ausencia dunha estrutura de madeira situada na parte baixa do paseo do río Rato á altura da Tolda, que foi levada por unha riada en xaneiro de 2016 “vai ano e medio dende que o río a arrincou, é unha obra dun custo baixísimo e que fai servizo a moita xente que estes días pasa por estes parques, e malia que dende o BNG levemos todo este tempo pedindo o arranxo nada se fixo” explicou Rubén Arroxo, lembrando que non só foi pedido polo grupo municipal, senón que ata os deputados provinciais do BNG chegaron a levar esta cuestión a un pleno da Deputación de Lugo sen que aínda se resolvese. O portavoz nacionalista lamenta o pouco interese que teñen as diferentes administracións nas zonas verdes do municipio “temos o luxo de vivir nunha cidade rodeada de espazos que son unha autentica marabilla, mais a pesar disto as administracións fan moi pouco por mantelas atendidas” explicaba o concelleiro do BNG.

 

O portavoz do BNG tamén pediu que se limpase os dous sendeiros que unen os Parques do Miño co do Rato. A día de hoxe o sendeiro que está situado paralelo á N-VI está practicamente pechado pola maleza, causando molestias as centos de persoas que diariamente se moven pola zona nestes meses de verán, o propio concelleiro explicou que “Non é aceptable que se deixe pechar o camiño pola maleza e máis na época na que máis xente pasa pola zona, nestes momentos non é posible cruzarse dúas persoas, nun sendeiro que cando está limpo ten un ancho cómodo e seguro”. Cómpre ter en conta que é un tramo curto de en torno a 300m, “e que non supón ningún esforzo económico para a administración”.

O BNG tamén quixo lembrar a existencia dun acordo plenario de decembro do 2015 “o pleno municipal aprobou por unanimidade unha proposición do BNG para instar ás diferentes administracións que se faga un mantemento constante e un arranxo das deficiencias destes sendeiros, que son un espazo de ocio da veciñanza de Lugo, o certo é que precisamente dende que se deu este acordo, é cando menos atención se lle está a dar” explicou o portavoz nacionalista, lembrando que “de pouco serven estes espazos verdes se non se lles acometen os mantementos precisos”.    

O BNG pide unha vez máis a reparación da pasarela do Rato e os debroces na unión co parque do Miño