A PARLAMENTARIA DO BNG APUNTOU A “NECESIDADE” DE CONVERTIR A TINERÍA NUN EXEMPLO DE “REHABILITACIÓN E REHABITACIÓN” TAL E COMO SE PROXECTOU NO BIPARTITO DA XUNTA

O BNG presentará iniciativas no Parlamento para que se continúen as escavacións dos Fornos da Tinería

Olalla Rodil sinalou que “grazas ao traballo do BNG a Xunta comezou, de novo, actuacións na Tinería e deben completarse coa zona dos Fornos”

O BNG presentará iniciativas no Parlamento para que se continúen as escavacións dos Fornos da Tinería

 

 

 

Lugo, 15 de marzo de 2019. O BNG pedirá no Parlamento Galego que se recuperen as actuacións para as excavacións arqueolóxicas na Unidade de Intervención UI-7 onde se atoparon fornos. A día de hoxe este espazo esta valado cun peche metálico que “ten un importante impacto visual” no que debería ser unha das zonas máis coidadas da cidade. Segundo o candidato á alcaldía, Rubén Arroxo, “as propias escavacións poderíanse converter nun centro de investigación e nun polo de atracción de visitantes para a cidade”.

Para o BNG “a Xunta está tentando lavarse a cara acomentendo algunhas actuacións na Tinería e anunciando outras, pero o proxecto de intervención no barrio debe ir máis alá”. Acompañado de Maite Ferreiro, e da Parlamentaria Olalla Rodil, Arroxo dixo que “estas excavacións arqueolóxicas paralizáronse pola vontade política do PP e, dende o BNG imos traballar para recuperar o barrio e o seu entorno”.

Coa chegada de Feijóo parouse o programa “cos compromisos que había na mesa, se o BNG tivese seguido unha lexislatura máis no Goberno Galego, hoxe a Tinería xa estaría totalmente rehabilitada” afirmou Arroxo. O grupo nacionalista no Parlamento Galego leva dende o 2009 esixíndolle á Xunta que retome as inversións na Tinería, e o PP impediu o debate e aprobación da emenda presentada polo BNG para incluír as partidas económicas necesarias para avanzar na rehabilitación do barrio “o BNG seguirá plantexando proposta e reclamando investimento para a zona” dixo o concelleiro nacionalista.

Premio Dubai de Boas Prácticas das Nacións Unidas

Cómpre lembrar que a importante inversión feita neste ambicioso Plan, que ascendeu a máis de 30 millóns, e que está desde o ano 2009 paralizada, fora merecente do Premio Dubai de Boas Prácticas outorgado polas Nacións Unidas. “É unha desfeita que o PP castigue a Lugo abandonando un traballo que foi recoñecido polas propias Nacións Unidas” dixo Rubén Arroxo. 

O citado premio valoraba a recuperación do patrimonio por unha iniciativa pública, a rehabilitación e rehabitación dun barrio á carón da Muralla de Lugo, porque posibilitaba a recuperación da actividade comercial e social do barrio, a creación de emprego así como o uso dos baixos, propiedade pública, para o emprendemento e mesmo usos institucionais, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.