NO DÍA INTERNACIONAL DA BICICLETA, O BNG ORGANIZOU UNHA MARCHA REIVINDICATIVA EN LUGO

O BNG propón a creación dun Centro Municipal de Promoción da Bicicleta e recuperar o servizo de préstamo

 “Este centro pode depender do Parque de Tráfico do concello e promover obradoiros de reparación, cursos, exposicións, rutas, asesoría legal a ciclistas, etc...” dixo Rubén Arroxo

O BNG propón a creación dun Centro Municipal de Promoción da Bicicleta e recuperar o servizo de préstamo

Lugo, 19 de abril de 2018. No día internacional da bicicleta, o BNG organizou unha marcha ciclista reivindicativa en Lugo e o voceiro municipal, Rubén Arroxo, aproveitou para propoñer a creación dun Centro Municipal de Promoción da Bicicleta. Arroxo avanzou que “este centro pode depender do Parque de Tráfico do concello que coordinaria as actividades e dispón de espazos suficientes para desenvolvelas”. “Temos que levar adiante iniciativas que, dun xeito real, sirvan para ir transformando a mobilidade desta cidade cara un modelo máis sostible e propio do século XXI” afirmou o voceiro do BNG.

A proposta de creación deste Centro Municipal de Promoción da Bicicleta ten como obxectivo promover actividades para popularizar en Lugo este vehículo que, como explicou Arroxo, “non contamina, non provoca problemas de aparcamento, non é ruidoso e ademais mellora a saúde das persoas usuarias”. O voceiro do BNG-AA sinalou que xa existen experiencias exitosas en outras cidades europeas e do estado e engadiu “o concello conta con excelentes profesionais e  instalacións suficientes para impulsar o Centro e as actividades”.

Rubén Arroxo dixo que entre os obxectivos deste Centro Municipal de Promoción da Bicicleta podería estar a recuperación do servizo de préstamo municipal “esto permitiría un maior control das bicicletas e darlles o necesario mantemento”. Arroxo lembrou que “Lugo xa ten infraestruturas e moitos acordos plenarios e iniciativas nas que sempre se aposta por volver a poñer en marchar este servizo de préstamo pero a realidade é que nada se fixo e este podería ser o camiño axeitado par arecuperalo”.

O Centro Municipal de Promoción da Bicicleta podería desenvolver diversas accións para promover o uso da bici. Segundo explicou Arroxo “debería promover obradoiros de reparación, cursos, exposicións, rutas, asesoría legal a ciclistas, unha biciescola e incluso podería crearse unha biblioteca de contidos relacionados coa bicicleta”. Neste tipo de centros tamén poden organizarse rutas urbanas ou periurbanas que redunden na promoción dun turismo sostible.

Rede de cidades pola bicicleta e Bicirexistro

Rubén Arroxo lembrou que en setembro de 2015 o Pleno aprobou unha iniciativa do BNG na que se pedía, entre outras cousas, a inclusión de Lugo na Rede de cidades pola bicicleta.  A inclusión de Lugo nesta rede permitiría dar de alta as bicicletas nun sistema de Bicirexistro para identificalas en caso de roubo. En Lugo non se pode acceder a este sistema por que, a pesar de que se aprobou en pleno a iniciativa do BNG o goberno aínda non incluiu a Lugo nesta rede de cidades.