ROSALÍA DE CASTRO FOI VECIÑA DE LUGO E VIVIU PRETO DA INTERSECCIÓN DA RÚA DAS NÓREAS CON SAN PEDRO ENTRE OS ANOS 1864 E 1868

O BNG proporá, no pleno do concello, que se declare o 24 de febreiro como día de Rosalía de Castro

“Trataríase de celebrar a data de nacemento da escritora como se merece, programando actos conmemorativos que resalten a súa figura” sinalou Maite Ferreiro

O BNG proporá, no pleno do concello, que se declare o 24 de febreiro como día de Rosalía de Castro

Lugo, 9 de febreiro 2018. O BNG-AA levará ao pleno da corporación unha proposta para que o 24 de febreiro sexa declarado como  de febreiro Día de Rosalía no concello de Lugo. “Trataríase de celebrar a data de nacemento da escritora como se merece, programando actos conmemorativos que resalten a súa figura” sinalou Maite Ferreiro. Ademais, na iniciativa do BNG, tamén se solicita emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen ao conxunto dos veciños e veciñas do noso concello o 24 de febreiro. Dende o BNG sinalaron que “esta data xa foi recollida oficialmente pola Consellería de Cultura no seu Calendario do Libro e da Lectura”.

Maite Ferreiro sinalou que Rosalía de Castro foi veciña de Lugo e viviu preto da intersección da rúa das Nóreas con San Pedro entre os anos 1864 e 1868 ademais é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.

A obra de Rosalía é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.