ARROXO SINALOU UN TOTAL DE 5 ESPAZOS QUE SE PODERÍAN SINALIZAR E IDENTIFICAR COMO “ESPAZOS ABERTOS DE CONVIVENCIA PARA CANS”

O BNG proporá no Pleno a sinalización de zonas de convivencia para cans en parques da cidade

Rubén Arroxo “os caniles que ten o concello son insuficientes e dun tamaño moi reducido, apostamos por espazos abertos debidamente sinalizados”

O BNG proporá no Pleno a sinalización de zonas de convivencia para cans en parques da cidade

Lugo, 6 de febreiro de 2019. O voceiro do BNG no concello de Lugo e candidato á alcaldía, Rubén Arroxo, presentou hoxe a iniciativa que levará ao Pleno da Corporación para sinalizar e identificar como “espazos abertos de convivencia para cans”. Arroxo explicou “esta foi unha das propostas que recibimos nunha das comisións abertas que estamos celebrando estes días e entendemos que é razoable e factible”. Persoas propietarias de cans acompañaron a Rubén Arroxo na presentación da iniciativa.

Rubén Arroxo explicou que “Lugo xa conta con varios caniles na cidade, pero son espazos insuficientes, dun tamaño moi reducido e pechados” e engadiu “temos que apostar por espazos de convivencia onde os cans poidan disfrutar de zonas abertas”. A proposta do BNG pasa por sinalizar e identificar como “espazos abertos de convivencia para cans” nos que “igualmente estén contralados e vixiados polas persoas propietarias, pero nos que poidan estar libres e non sexa sancionable este feito”.

Arroxo propón, como exemplo, un total de 5 espazos situados en parques periféricos en diferentes puntos da cidade “a idea é que a xente non teña que cruzar a cidade para accedere a unha desta zonas de convivencia”. Entre as propostas posibles están: o parque da facultade de veterinaria, na zona do anfiteatro; o parque de Paradai, na zona próxima a Alcalde Pedáneo Xoan Diego; unha zona do parque do Miño, xunto ao Pazo de Feiras; unha zona do parque situado a carón do instituto de Casás e, tamén, un espazo no parque dos Paxariños.