MAITE FERREIRO SINALOU QUE A PRESENZA DO BNG NO CONGRESO É FUNDAMENTAL “PARA SER NÓS QUEN DECIDAMOS SOBRE OS NOSOS RECURSOS”

“Galiza ten que recuperar as competencias sobre as concas hidrográficas” dixo Maite Ferreiro

Para o BNG a dependencia de Galiza do Estado non deixa de lastrar os nosos recursos tanto económicos como naturais

“Galiza ten que recuperar as competencias sobre as concas hidrográficas” dixo Maite Ferreiro

Lugo, 15 de abril de 2019. A candidata do BNG ao Congreso por Lugo, Maite Ferreiro, reivindicou a  necesidade de que Galiza recupere as competencias sobre as concas hidrográficas galegas. Para o BNG a dependencia de Galiza do Estado non deixa de lastrar os nosos recursos tanto económicos como naturais e por iso, segundo Maite Ferreiro, a presenza do BNG no congreso é fundamental para ser nós quen decidamos sobre os nosos recursos.

No acto simbólico, feito ao pé do río Miño á altura das Saamasas,  a candidata estivo acompañada de integrantes da candidatura ao Congreso e o Senado ademais da Parlamentaria, Olalla Rodil, e do candidato á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo. Con cartaces nos que figuraba o lema Gobernemos Nós os Nosos Ríos, Maite Ferreiro lembrou que é unha reivindicación histórica do BNG transferir as competencias para Galiza da conca hidrográfica do Miño e do Sil.

Maite Ferreiro apuntou que a colisión entre as diferentes administracións, e o feito de que sexa dende un ministerio, situado en Madrid, dende onde se decide o que se fai sobre os nosos ríos incrementa o dano sobre os nosos recursos. “Para o BNG, a defensa dos nosos recursos naturais no Congreso será unha prioridade, e sumámonos aos colectivos ecoloxistas e sociais que levan moitos anos a defender o río” sinalou Ferreiro.