HOUBO INCUMPRIMENTOS NA EXECUCIÓN DOS ORZAMENTOS DO 2016 COMO A ZONA PÚBLICA BAÑO, OS APARCADOIROS DISUASORIOS, OS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS OU AS AXUDAS DE CULTURA

“Igual que o ano pasado o BNG-AA permitirá a aprobación do orzamento pero por coherencia absterémonos”

Arroxo dixo “as persoas que viven en Lugo non merecen que o concello quede sen orzamentos e por iso nos absteremos pero a acción do goberno invita ao voto en contra”

“Igual que o ano pasado o BNG-AA permitirá a aprobación do orzamento pero por coherencia absterémonos”

Lugo, 4 de maio 2017. Ediles do BNG-AA compareceron, ante os medios de comunicación, acompañados do responsable local da formación nacionalista para dar conta do acordo tomado onte na asemblea aberta e que definiu unha posición de abstención a respecto da proposta dos orzamentos do concello para este ano. Os representantes do BNG-AA coincidiron en sinalar que a postura máis responsable e coherente é a abstención, “Igual que o ano pasado o BNG-AA permitirá a aprobación do orzamento pero por coherencia absterémonos” dixo Rubén Arroxo.

Na asemblea aberta, na que participaron militantes e simpatizantes, un 75 % de asistentes decantáronse pola abstención, mentres que un 25 % apostaron polo voto en contra. Con esta decisión “o BNG-AA mantén a súa coherencia, permite que se aproben os orzamentos e non se converte en cómplice duns orzamentos que se presentan tarde, non se van executar e non servirán para que Lugo avance” afirmou Arroxo e engadiu “a situación en Lugo, durante este ano, foi a peor, as propostas do BNG foron ignoradas e non vemos un compromiso claro para mudar a actitude do goberno no relativo á execución e elaboración dos orzamentos”.

Arroxo sinalou que o BNG-AA fixera, no ano 2016, unha serie de propostas entre as que destacou “a zona pública de baño, a creación de aparcadoiros disuasorios en solares baleiros, a apertura dun aparcadoiro gratuíto no entorno do HULA, activación do servizo de préstamo de bicicletas, a construción de piscinas termais públicas nas inmediacións do balneario, a convocatorias das axudas de concorrencia para entidades culturais e a municipalización de servizos”. “De todas estas propostas non se fixo nada por falta de xestión e de intención, o concello está paralizado, e o BNG-AA non vai ser cómplice duns orzamentos nos que se de continuidade a esta paralización” afirmou Arroxo.

O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo tamén afirmou que “non imos bloquear a posibilidade de que Lugo poida ter uns orzamentos para levar a cabo os seus proxectos e dote ás persoas dos servizos necesarios”. “As persoas que viven en Lugo pagan os seus impostos e o concello debe ter un orzamento para dar servizos e mellorar a cidade, por iso o BNG-AA vai a absterse igual que fixo o ano pasado” concluíu Rubén Arroxo.