AS CASAS DAS LINGUAS OFERTAN CURSOS DE GALEGO, PORTUGUÉS INGLÉS, FRANCÉS, ALEMÁN, CASTELÁN, XAPONÉS E LINGUAXE DE SIGNOS

Maite Ferreiro anuncia a apertura do segundo prazo de matrícula nas Casas das Linguas municipais

IMG_0009 (1)
O segundo período de matrícula terá lugar entre o 28 de agosto e o 5 de setembro "co obxectivo de cubrir todas as prazas nos distintos cursos", explicou Maite Ferreiro
Maite Ferreiro anuncia a apertura do segundo prazo de matrícula nas Casas das Linguas municipais


Lugo, 25 de agosto de 2023. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que as distintas Casas das Linguas abrirán un novo prazo de matrícula para cubrir as prazas vacantes. Ferreiro explicou que "do mesmo xeito que realizamos todos os anos, desde a área de Culuta abrimos de novo o prazo de matrícula para que todas as persoas que o desexen poidan asistir aos distintos cursos ofertados por estas instalacións".

Ferreiro, xunto co Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, visitou a casa das Linguas da Estrada da Granxa, que está a acoller no verán campamentos para nenas e nenos, "dando unha alternativa para a conciliación durante o verán", explicou a concelleira de Cultura.

Entre o 28 de agosto e o 5 de setembro estará aberto o novo prazo de matrícula para as distintas prazas dispoñibles nas dúas Casas das Linguas municipais, que se poden consultar contactando con cada unha das instalacións (Estrada da Granxa : 982 807 838 - [email protected], e María Balteira : 982 297 248 - [email protected]).

As persoas que desexen anotarse a algún dos cursos deberán presentar a documentación necesaria: fotocopia do DI, folla de inscrición, fotografía de tamaño carné e xustificante de pago de taxas para os maiores de 14 anos, ademais da autorización familiar e fotocopia do DI do pai, nai ou titor legal no caso das menores de idade.

As Casas das Linguas municipais ofertan clases semanais de 90 minutos nos grupos de adultos e de 60 nos grupos infantís, cunha taxa única de 30,90€ para todas as persoas maiores de 14 anos, sendo gratuítas para os menores. "Trátase de dúas instalacións que permiten a todas veciñas e veciños de Lugo aprender ou mellorar as súas competencias en distintas linguas", explicou Maite Ferreiro, que engadiu "desde a área de Cultura continuaremos a promocionar as Casas das Linguas e a facilitar que toda a veciñanza que o desexe poida aprender unha lingua independentemente da súa situación".

Maite Ferreiro anuncia a apertura do segundo prazo de matrícula nas Casas das Linguas municipais