NESTE ANUNCIO, OS XÉNEROS ESCOLLIDOS SON ROCK E INDIE

Maite Ferreiro anuncia tres novos grupos para o San Froilán

Maite Ferreiro: “teremos actuacións dirixidas ás distintas tendencias e gustos para satisfacer a todas as persoas”

Maite Ferreiro anuncia tres novos grupos para o San Froilán

Lugo, 11 de setembro de 2019. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, anunciou durante a rolda de prensa da Xunta de Goberno de hoxe tres novas confirmacións para o San Froilán. Indie e Rock foron os xéneros escollidos, cos grupos La Habitación Roja, Los Enemigos e Familia Caamagno. Segundo Maite Ferreiro, “nesta edición da gran festa do outono galego teremos actuacións dirixidas ás distintas tendencias e gustos para satisfacer a todas as persoas que se acheguen”.

 

La Habitación Roja estará na praza Horta do Seminario o vindeiro 5 de outubro. É un grupo de pop-rock indie, orixinario da localiade valenciana de La Eliana. Con 20 anos enriba dos escenarios son, a día de hoxe, uns auténticos veteranos no indie estatal. Son un claro exemplo de como desenvolver unha carreira de fondo, constante e sempre a máis sen dar pasos en falso, moldeando á súa medida o pop e o rock alternativo. Ás súas costas levan 11 álbums e outros tantos EP e sinxelos.

No Madrid de 1985 nacen Los Enemigos, grupo que dende o seu nacemento se converteu nunha das bandas máis importantes do rock en español. No mesmo ano da súa formación gañan o concurso de rock Villa de Madrid, e ao ano seguinte gravan o seu primeiro álbum. Entre 2001 e 2002 publican dous recopilatorios cos directos da súa xira de despedida, regresando de novo aos escenarios en 2012. Realizaron múltiples colaboracións en discos homenaxe a Joan Manuel Serrat, Rosendo, Mercado, Burning ou Federico García Lorca, na recopilación en defensa da oficialidade da lingua asturiana “L´asturianu muévese”, e en bandas sonoras de películas como “Tengo una casa” de Mónica Laguna. Nesta edición da gran festa do outono galego, contaremos con Los Enemigos na noite do 12 de outubro na Praza Horta do Seminario. 

O grupo galego Familia Caamagno actuará o día de inicio das festas na praza de Santa María. Comezaron a ensaiar no ano 2010. No 2012 editaron os seus dous primeiros traballos, “Familia Caamagno” e o sinxelo “Cantan polo Nadal!”. As aparicións na TVG e as boas críticas dos medios especializados fixeron que conseguiran un oco na axenda musical galega. No ano do seu debut levaron o primeiro premio do Concurso de Bandas da Deputación da Coruña. Neste ano están a presentar o seu novo disco “Había que Intentalo!”.

Orzamento das festas

Respondendo a preguntas dos medios, Maite Ferreiro indicou que o orzamento deste ano para o San Froilán é de 700.000 euros, aos que, ademais dos gastos habituais de todos os anos (concertos, produción, iluminación e instalación e subministro eléctrico), se lle engaden gastos que noutros anos foron asumidos por outras áreas do concello, como as cabinas hixiénicas, o aluguer de sonómetros e a publicidade da festa.