RUBÉN ARROXO AFIRMOU QUE “A ROTONDA DE AFONSO X E A DE SAN EUFRASIO ESTÁN BLOQUEADAS POLO ENFRONTAMENTO ENTRE PP E PSOE E, EN LUGO, PAGAMOS AS CONSECUENCIAS”

“Nin PSOE, nin PP solucionan os problemas desta cidade, as rotondas son un exemplo” dixo Arroxo

Imaxe de arquivo
Imaxe de arquivo

Arroxo avanzou “se o BNG tivese a alcaldía, estariamos todos os días petando na porta dos despachos correspondentes para dar solución a este tema”

“Nin PSOE, nin PP solucionan os problemas desta cidade, as rotondas son un exemplo” dixo Arroxo

Lugo, 24 de abril de 2018. O voceiro do BNG-AA instou ao goberno municipal liderar as necesarias negociacións co goberno da Xunta e do Estado para executar a construción das rotondas da rúa San Eufrasio con Fontiñas e a de Afonso X coa N-VI. Arroxo pediu “que os gobernos da Xunta, Concello e Estado cheguen e dean algún paso para que se fagan estas dúas rotondas tan necesarias” e engadiu “unha vez máis, asistimos á partida de pin-pon entre PP e PSOE que xogan en Santiago e Madrid a pasarse a pelota mentres, en Lugo, pagamos as consecuencias”.

Rubén Arroxo sinalou que “existe consenso entre todas as forzas sobre a necesidade destas infraestruturas, existe orzamento, aprobáronse numerosas iniciativas en diversos estamentos, pero as rotondas non existen”. Arroxo avanzou “se o BNG tivese a alcaldía, estariamos todos os días petando na porta dos despachos correspondentes para dar solución a este tema” e lamentou “por unha banda, a falta de traballo, e por outra, a falta de implicación do goberno municipal para dar solución aos problemas de Lugo”. Arroxo engadiu que “o PP ten unha única teima que é castigar a Lugo”.

No caso da rotonda de San Eufrasio “o goberno municipal recoñeceu, en xaneiro, que nin se vai facer a rotonda entre San Eufrasio e Fontiñas, nin o goberno municipal vai acometer o estudo que anunciou para mellorar a fluidez do tráfico en Fontiñas” . O BNG preguntou naquel momento e o goberno municipal admitiu a falta de acordos entre Concello e Xunta para facer rotonda entre S. Eufrasio e Fontiñas e o concelleiro responsable, Manuel Núñez, sinalou que a obra demandada non se vai executar de momento.

A rotonda entre a av. de Afonso X e a N-VI é necesaria para evitar as constantes colisións que se producen nesta instersección. Arroxo lembrou que a partir deste ano o tráfico incrementarase considerablemente neste punto os días que haxa partidos da liga ACB de baloncesto, ademais de ser necesaria pola gran cantidades que acceden ao Campus Universitario e ás instalacións deportivas da zona .