Rubén Arroxo: “o PP non vai conseguir que se suprima o carril peonil da Ronda da Muralla”

Foto de arquivo
Foto de arquivo

O Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade respostou ás críticas do Partido Popular

“Liberar de tráfico a motor o entorno da Muralla é un dos piares básicos do noso proxecto para Lugo”, afirmou Rubén Arroxo

Rubén Arroxo: “o PP non vai conseguir que se suprima o carril peonil da Ronda da Muralla”

Lugo, 02 de xuño de 2020. "O partido popular non vai conseguir que se suprima o carril peonil da Ronda da Muralla", así respostou Rubén Arroxo ante as críticas do Partido Popular. O Tenente de Alcalde, como responsable da área de mobilidade, sinalou que "o goberno municipal vai seguir avanzando en liberar de vehículos a motor o entorno da Muralla por moito que lle pese ao Partido Popular". Rubén Arroxo explicou que "a peonalización da Ronda é unha necesidade da sociedade lucense, e mostra desto foi o bo acollemento que tivo a peonalización do carril interior".

Arroxo sinalou que "a visión do partido popular é unha visión trasnoitada e agora estamos noutro tempo, Lugo avanza cara un modelo de cidade actual e para as persoas" e engadiu "somos receptivos sempre ás propostas da oposición pero temos claro cal é o proxecto de cidade que temos para Lugo e liberar de tráfico a motor o entorno da Muralla é un dos piares básicos".

"Dende a delimitación dun dos carrís da Ronda quedou patente que era necesario un novo espazo para as persoas neste entorno privilexiado, e demostrouse tamén que non existen problemas para o tráfico de vehículos, agás en determinados momentos puntuais" explicou Arroxo. De cara á delimitación permanente do carril interior, estase a traballar nun plan de tráfico específico e dunha nova regulación semafórica para permitir unha circulación "calmada e continúa dos vehículos a motor" segundo Arroxo.

Rubén Arroxo: “o PP non vai conseguir que se suprima o carril peonil da Ronda da Muralla”