O BNG-AA LAMENTA QUE AÍNDA NON SE COÑEZA A PROPOSTA DA EMPRESA ADXUDICATARIA PARA A PRESTACIÓN DO SERVIZO DE BUSES

Rubén Arroxo propón unha liña de buses cada 10 minutos no eixo Campus - Garabolos

Reforzar o servizo en Fontiñas e evitar que os autobuses pasen todos xuntos é unha das necesarias melloras para este servizo

Rubén Arroxo propón unha liña de buses cada 10 minutos no eixo Campus - Garabolos

Lugo, 25 de abril de 2017. O BNG – Asembleas Abertas presentará unha proposta para mellorar o transporte público de pasaxeiros. Arroxo dixo que as liñas norte – sur deben reorganizarse para evitar a saturación do tráfico. O edil do BNG-AA explicou “a zona urbana de Lugo de Norte a sur ten 5km de distancia, pero só ten 1,5km de leste a oeste, isto fai que onde máis movemento hai de transito en vehículo privado sexa precisamente nese eixo”. Para reducilo precisamos dar cobertura de buses cunhas frecuencias que nos permitan coller o bus para poder chegar ao noso destino.

“Se existise un bus cada 10min que cruzase a cidade de Norte a Sur a necesidade do vehículo privado sería moito menor, dado que chegariamos antes incluso no transporte público, por non ter que buscar onde aparcar, e saberíamos que practicamente non teriamos que agardar na parada” dixo Rubén Arrox que sinalou “agora mesmo hai 6 liñas que cruzan Lugo de norte a sur, o problema é que nunha mesma hora pódense xuntar ata 5 á vez”.

Segundo Arroxo as liñas poderían manter os mesmos traxectos “pero coidando que as periodicidades non sexan coincidentes para evitar que os autobuses circulen todos xuntos”. Para o BNG-AA “a solución máis clara podería ser modificar para que se poida dividir esa hora entre os 6 buses podendo obter unha frecuencia de un cada 10min, algo que sen dúbida xa nos daría un transporte totalmente eficaz para o pasaxeiro”.

Fontiñas é unha das zonas da cidade que teñen máis tráfico e máis poboación, esto supón a necesidade de incrementar o número de liñas e reducir as frecuencias de paso por esta zona. Unicamente as liñas 10 e 6 pasan por Fontiñas e esto fai que moitas persoas non aposten por este medio de transporte. Fontiñas, actualmente, só ten un bus que vai de norte a sur, e outro que vai cara a zona oeste da cidade, ambos con frecuencia dunha hora, polo que fai dificil poder coller o transporte público nesta zona. Fontiñas precisaría por tanto un mínimo de 2 buses cada hora que vaia de norte a sur, e 2 que vaian cara ao oeste, podendo manter a liña 6 e redeseñando unha das liñas do HULA (ou creando unha nova) para que vaia cara a zona oeste pasando por Fontiñas.