Rubén Arroxo: "Durante o San Froilán batéronse todos os récords de usuarios no bus urbano, varios días houbo máis de 9000 usuarios"

O Tenente Alcalde explicou que o transporte público non deixa de recibir usuarios: "este mes de setembro foi o terceiro mellor setembro do século XXI"

Segundo Arroxo, "hai varios factores que facilitan o uso do bus urbano entre a veciñanza, como a concienciación a respecto das emisións, o aforro económico ou a comodidade do bus urbano con respecto a vehículo privado"

Rubén Arroxo: "Durante o San Froilán batéronse todos os récords de usuarios no bus urbano, varios días houbo máis de 9000 usuarios"

 

Lugo, 14 de outubro de 2023.  O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo fixo balance sobre os usuarios do bus urbano nos últimos meses. Arroxo afirmou que "nestes meses o número de usuarios do transporte público non deixou de aumentar, e o mes de setembro de 2023, foi o mellor mes de setembro rexistrado en todo o século XXI". Arroxo, concelleiro responsábel do transporte público explicou que o San Froilán 2023 "foi un verdadeiro récord en canto a usuarios do transporte público, rexistrando días con máis de 9.000, case 2.300 máis por dia que no San Froilán 2022. "Isto non só demostra o éxito das festas, senon que tamén demostra que a veciñanza de Lugo está apostando polo bus urbano como medio de transporte habitual", explicou Rubén Arroxo.

Para o Tenente Alcalde, existen varios factores que propician o uso do bus urbano por parte da veciñanza. Arroxo afirmou que "ao aumento da concienciación sobre a situación medioambiental súmase o aforro que supón o bus urbano con respecto ao vehículo privado, e a comodidade que supón as frecuencias actuais e non ter que buscar un sitio no que estacionar".

bus urbano pasou pola maior transformación das últimas décadas, cunha renovación total do servizo aprobada por unanimidade de todos os grupos da corporación municipal, que permitiu mellorar as conexións da veciñanza coas distintas zonas da cidade.

Coas novas liñas, o HULA gañou conexións con Fontiñas, a zona sur da cidade e a avenida das Américas, que co modelo antigo non tiñan transporte directo. As transformación do modelo de bus urbano conectou de xeito directo o hospital coas zonas de Fingoi, Magoi, Sagrado Corazón, as Gándaras, Avenida das Américas, Fontiñas, Fonte dos Ranchos, a Abella e Garabolos, mellorando tamén as frecuencias coa zona centro. Os barrios aumentaron as frecuencias de conexión co centro da cidade, pasando da hora entre cada volta a  30 minutos de frecuencia. 

Nos polígonos do CEAO e das Gándaras aumentáronse tamén as conexións, quedando ambas áreas industriais co barrio de Fontiñas e o sur da cidade, cun total de seis liñas que entre os seus percorridos inclúen a unha das zonas industriais e dúas que pasan por ambas, unindo as áreas industriais de xeito directo con zonas como Fingoi, o Campus Universitario, Fontiñas, Magoi, Avenida das Américas e coa zona centro, pasando moitas destas liñas pola Ronda da Muralla.

"Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "coa Tarxeta Cidadá, o prezo do bus urbano redúcese ata nun 50%". O Tenente Alcalde anunciou que "máis de 30.000 persoas teñen xa a súa tarxeta cidadá e desfrutan de todas as vantaxes que supón este sistema".

Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64€ a 0.45€, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31€ no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida, con transbordos gratuítos en todas as situacións. Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.

 

Rubén Arroxo: "Durante o San Froilán batéronse todos os récords de usuarios no bus urbano, varios días houbo máis de 9000 usuarios"