ARROXO: "A VECIÑANZA RECLÁMANOS CONTINUAR A HUMANIZAR AS RÚAS CON MÁIS ZONAS PEONÍS E MÁIS ÁRBORES, ADEMAIS DE CONTINUAR A ATENDER AOS BARRIOS CON PEQUENAS OBRAS"

A Tenencia de Alcaldía recibe máis de 120 propostas nas xuntanzas dos Orzamentos Participativos 2024

As concelleiras e concelleiros estudarán a viabilidade das propostas saídas das xuntanzas e do correo electrónico

Arroxo: "A veciñanza reclámanos continuar a humanizar as rúas con máis zonas peonís e máis árbores, ademais de continuar a atender aos barrios con pequenas obras"

A Tenencia de Alcaldía recibe máis de 120 propostas nas xuntanzas dos Orzamentos Participativos 2024

 

Lugo, 30 de outubro de 2023. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, fixo balance das xuntanzas realizadas nos distintos barrios para recoller as propostas da veciñanza de cara aos orzamentos municipais de 2024. Arroxo afirmou que "nas 3 xuntanzas abertas e a través do correo electrónico recibimos máis de 120 propostas para seguir cambiando Lugo durante o ano 2024".

Rubén Arroxo explicou que "as veciñas e veciños reclámannos continuar a humanizar as rúas, creando máis zonas peonís, e plantar máis árbores para reducir a temperatura do chan nas xornadas de máis calor durante o verán". Ademais, o Tenente Alcalde destacou que moitas das solicitudes consisten en "pequenos arranxos nas distintas rúas da cidade, que se cubrirán a través da Brigada Municipal de Vías e Obras ou de distintas actuacións de maior tamaño". As concelleiras e concelleiros estudarán a viabilidade das distintas propostas achegadas.

Desde a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo executouse un plan piloto para elaborar uns orzamentos realmente participativos nos que a veciñanza forme parte do proceso de toma das decisións que lle afectan directamente, e poida propoñer os traballos a realizar por parte do Concello.

Rubén Arroxo lembrou que este proxecto "é o seguinte paso" do traballo realizado na Tenencia de Alcaldía ao longo do último mandato. Nese período, as distintas áreas realizaban os orzamentos e planificaban as distintas intervencións a través das reclamacións e solicitudes da veciñanza. "neste novo período continuamos a escoitar a todas as veciñas e veciños para planificar as intervencións das distintas zonas da cidade", explicou Arroxo.

Ademais de habilitar un correo electrónico para recibir propostas, as concelleiras e concelleiros mantiveron xuntanzas nos barrios da Piringalla, Fontiñas e Fingoi, abertas á participación de todas as veciñas e veciños de Lugo.

A Tenencia de Alcaldía recibe máis de 120 propostas nas xuntanzas dos Orzamentos Participativos 2024