Últimos días para visitar a exposición Así xogabamos, que en 3 meses conseguiu máis de 6500 visitas
Maite Ferreiro: “trátase dun percorrido por unha parte da nosa historia máis recente, unha exposición para toda a familia para compartir lembranzas da infancia e ver como mudan os tempos”
A exposición poderá visitarse ata o 28 de maio na sala de exposicións temporais do MIHL
Lugo, 15 de maio de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreio, lembrou que aínda se pode visitar a exposición Así Xogabamos ubicada na sala de exposicións temporais do MIHL. Ferreiro explicou que “esta exposición é un percorrido por unha parte da nosa historia máis recente, na que toda a familia poderá compartir lembranzas da infancia e ver como mudan os tempos a través dos xoguetes que desfrutamos en cada xeración”.
A exposición Así xogabamos está organizada pola área de Cultura en colaboración coa asociación Tekubi Toy, e leva xa un total de 6538 visitas nos 3 meses que estivo na instalación. “Esta mostra supera xa en visitantes á exposición temporal do ano pasado, A historia de Galiza a golpe de Click, que foi un gran éxito de asistencia”, afirmou Maite Ferreiro.
A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 28 de maio, nos horarios de apertura do MIHL, de martes a venres de 10 a 13:30 e de 16 a 19:30, sábados, domingos e festivos de 10 a 14 e de 16:30 a 19:30, e durante a semana santa de 10 a 14h e de 16:30 a 20:30. O día internacional dos museos, 18 de maio, o MIHL abrirá en horario ininterrumpido dende as 10 ata as 20 horas.
Maite Ferreiro explicou que “estamos ante unha exposición que pretende crear un punto de encontro entre distintas xeracións, un espazo no que lembrar e aprender”, e engadiu “continuamos a achegar propostas novidosas e alternativas ao MIHL, continuando co éxito do ano pasado, onde se superaron todos os rexistros de visitantes dos últimos anos”.