ARROXO: "COMPLETARASE UN CORREDOR PEONIL QUE PERMITIRÁ CONECTAR A PRAZA DA MILAGROSA COA FONTE DO REI, FACILITANDO UN PERCORRIDO SEGURO E ACCESIBLE"

O Concello de Lugo avanza na peonalización da zona norte co novo proxecto de humanización da rúa Milagrosa

Rubén Arroxo e Alexandre Penas presentaron o novo proxecto de peonalización aos veciños e veciñas do barrio na confluencia con Luis Seoane

Arroxo: "Completarase un corredor peonil que permitirá conectar a praza da Milagrosa coa Fonte do Rei, facilitando un percorrido seguro e accesible"

O Concello de Lugo avanza na peonalización da zona norte co novo proxecto de humanización da rúa Milagrosa

 

 

 

Lugo, 28 de outubro de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, mantiveron unha xuntanza coa veciñanza do barrio da Milagrosa onde foi presentado o proxecto de humanización e peonalización do tramo da rúa Milagrosa comprendido entre as rúas Mallorca e Xulia Minguillón. Este proxecto, explicou Arroxo, "permitirá completar un corredor peonil permitirá conectar a praza da Milagrosa coa Fonte do Rei, facilitando un percorrido seguro e accesible para a veciñanza". O proxecto terá un orzamento en base de licitación de 497.573,96 euros.

Nos últimos anos, a Área de Infraestruturas avanzou na transformación urbana da zona norte da cidade a través da peonalización de rúas clave como a rúa Divina Pastora, a praza de Agro do Rolo, a praza da Milagrosa e parte da rúa Milagrosa ata a rúa Curros Enríquez. A isto, sinala o Tenente Alcalde, engádense recentemente as peonalizacións das rúas Luis Seoane e Camiño Real, "creando unha rede de espazos peonís e fortalecendo o compromiso co modelo de mobilidade sostible".

O proxecto de humanización tamén inclúe importantes melloras nas infraestruturas de abastecemento de auga e drenaxe. A rede de abastecemento será renovada por completo, substituíndo as antigas tubaxes de PVC por fundición dúctil, e instalando novas válvulas, bocas de rego e de incendio para garantir a seguridade e durabilidade da rede. Ademais, para a drenaxe superficial, colocarase unha liña de rígola en ambas marxes da calzada, que dirixirá a auga de escorrentía cara aos sumidoiros conectados á rede de saneamento e aos Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostible (SUDS), reducindo así o volume de auga que entra no sistema municipal.

No encontro, a veciñanza puido coñecer de primeira man os detalles do novo proxecto que ten como obxectivo completar o espazo peonil continuo que conecte o barrio co centro, e promovendo un modelo onde o tráfico motorizado se concentre nas vías principais, deixando as zonas interiores para un uso mixto e peonil.

Rubén Arroxo insistiu en que "a zona da Milagrosa é xa un punto de encontro e dinamización social e económica do barrio, algo que se verá incrementado con este novo proxecto que ampliará este impacto positivo, facilitando a accesibilidade e a convivencia veciñal".

O Concello de Lugo avanza na peonalización da zona norte co novo proxecto de humanización da rúa Milagrosa